Chapuzas fashion

|

Os habitantes de Galicia xa non son o que eran, de calar a boca e cumprir aquel aforismo de chamarlle orballo á chuvia dourada agora son contestatarios e respondóns, pero aínda así son fáciles de contentar e cun caramelo ou bocado de empanada volven á docilidade. É que no fondo o espírito irmandiño quedou apagado de por vida, até a extinción final. Vexamos un exemplo.
Hai varios meses, antes de comezar o verán oficial e climático, un grupo de entusiastas e rebeldes veciños armaron unha comisión para reivindicar ante as autoridades locais e provincias, propietarias da vía, mediante bolígrafo e sinaturas a construción dunhas beirarrúas nunha estrada altamente transitada nos meses de estío. En realidade é unha vella demanda de centos de cidadáns que observaron que a súa vida corría o risco de esfumarse cando transitaban polo asfalto.
Ao cabo de varias semanas de visita domiciliaria consideraron que xa había suficientes asinantes para elevar a demanda ás autoridades, quen ante o alto número de posibles votantes cabreados recibiron á comisión reivindicativa con todo tipo de boas palabras e o xuramento de que en breve comezarían a tomar medidas e que no futuro habería beirarrúas en material de primeira calidade, bonitas e que serían a envexa de concellos limítrofes.
Dous meses despois das cimeiras de alto nivel con ás máximas autoridades políticas apareceron dous sinais, ao comezo e ao final, no tramo de estrada propiedade da Deputación, que como organismo potente e ben dotado plantou dous paneis de grandes dimensións con tanta letra e debuxo que só podía ser lido por peóns ou ciclistas, xa que calquera automobilista tiña que frear e deterse para comprender o que alí había estampado.
Resulta que o organismo provincial recomendaba aos condutores separase máis dun metro e medio de calquera viandante ou ciclista que se encontrase transitando pola estrada. Os veciños contestatarios e rebeldes quedaron contentos co caramelo e incluso deron os parabéns pola implicación e pronto remedio aos posibles atropelos. Pero pasou o verán e o territorio galaico é propicio para que medre a vexetación como en selva tropical, así que hoxe en día os famosos sinais están cubertos polas ramas dos castiñeiros e as silvas, como moitos outros carteis desa estrada que anunciaban urbanizacións de luxo.
Os galaicos quedamos satisfeitos con pouca cousa. Un cartel fashion xa nos resolve un problema, como na época do felipismo, onde un camiño intransitable se convertía en sendeiro, unha aldea que carecía dos servizos mínimos aparecía sinalada como poboación pintoresca ou un conxunto histórico con perigo de derrube era cualificado de lugar singular, é que a fin de contas todo se reduce a un nominalismo que gusta aos aborixes.

Chapuzas fashion