CIMEIRA CLIMÁTICA EN PARÍS

O mundo sensíbel e responsábel fala con preocupación da negativa evolución do clima. E fai ben. Un outono cálido como é o actual, para alén do modelo de previsión dise fenómeno meteorolóxico que coñecemos por “El Niño”, é un sinal máis do irreversíbel crecemento das temperaturas medias. Tempo límite de actuar para pór remedio a unha catástrofe gradual que chegaría ao seu cénit cara ao final desta centuria. En xogo a supervivencia nun planeta habitábel ao xeito actual.
A teimuda realidade dos feitos, a devastación episódica, a evolución acelerada do desxeo nos casquetes polares, visíbel claramente en multitude de probas documentadas, e a presión da opinión pública internacional sitúan o foco da esperanza na actuación política que poda derivarse da cimeira mundial que está previsto celebrar no entorno urbano de París. A 21ª Conferencia das Partes da Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático, longo título que se simplifica como COP21, co obxectivo da acadar un novo acordo sobre o clima após do ano 2020.
Certo é que a desfeita causada polo efecto invernadoiro derivado da incesante emisión de gases á capa de ozono xa non ten remedio total, o máis que pode facerse é diminuír o efecto futuro do medre da temperatura. Por iso, a magna xuntanza ambiental na capital francesa, agardada como histórica pola expectativa creada ao redor dela, non deixará de ser un momento decisivo na concienciación do límite temporal de reacción. Obvio é que non é o mesmo prever un inmanexábel aumento de catro graos na temperatura media que deixar ese medre na metade, en dous. E non é pouco, non. Un obxectivo máis cobizoso estará fora do razoable á vista do deterioro irrecuperábel. 
Visto o panorama, tanto na cimeira institucional coma no Foro de Innovación Sostíbel que busca xuntar científicos, entidades de concienciación medio ambientais e outros axentes favorables á conservación da natureza, a proposta vai na dirección de traballar en cinco accións prioritarias que favorezan un cambio eficiente na deriva actual. 
A política da auga, a educación para o medio ambiente e o desenrolo sostíbel, e os empregos e a transición ecolóxica, son asuntos básicos. A biodiversidade mariña, o mar e os océanos tamén é tema principal. Completa a preocupación por acadar unha economía circular para desenvolver a reciclaxe, o aproveitamento dos residuos e os circuítos de ámbito territorial. Asegurar un clima habitábel é causa que pide actuar sen demora.

CIMEIRA CLIMÁTICA EN PARÍS

Te puede interesar