Máis razóns para eliminar a simboloxía franquista

A  chamada Lei da Memoria Histórica foi aprobada en 2007 e o Pleno da Coruña de 7 de setembro de 2009 aprobaba a eliminación de 52 símbolos franquistas (23 rúas). O goberno PSOE-BNG iniciou a execución dese acordo, que prácticamente quedou paralizado até que o goberno de Marea Atlántica culminou esa primeira fase. Pero aínda quedan na Coruña outros 37 símbolos franquistas.
Nos últimos anos cambiaron moito as cousas, para ben, na actitude dos partidos políticos e tamén na sensibilización da sociedade sobre este tema. Rafael Hernando, daquela portavoz adxunto do PP no Congreso, manifestaba: “Algunos se han acordado de su padre cuando había subvenciones”. E Pablo Casado, responsábel de comunicación do PP, dicía: “Los de izquierdas son unos carcas, todo el día con la fosa de no sé quién”. Como contraste, nunha visita institucional unánime da Comisión de Cultura do Parlamento de Andalucía á foxa común do cemiterio de Porto Real (Cádiz), onde hai 160 cadáveres, torturados e fusilados do franquismo, e despois de escoitar a familiares das vítimas, Antonio Garrido, portavoz do PP na Comisión de Cultura do Parlamento de Andalucía, manifestaba: “Esto me produce un gran dolor. Sacar de las cunetas a las víctimas y enterrarlas es devolver la dignidad. Debimos hacerlo en los años 80, pero entonces el ruido de sables estaba reciente. Aquí no debe haber lecturas políticas, hacer bandera política de una tragedia es una indignidad. Espero que la ley andaluza de Memoria Democrática se apruebe por unanimidad, nadie en el PP está en contra de esta ley y si mi partido hiciera bandera en contra de ella, me avergonzaría”.
   Avanzouse no respecto ás vítimas do franquismo e o PP de Andalucía acaba de presentar algunhas das súas emendas á Lei de Memoria Histórica de Andalucía, e entre elas: creación por decreto dunha “Oficina de Atención a las víctimas del franquismo, donde sean escuchadas y atendidas”; inclusión da Guerra Civil e a Ditadura non só no currículo de Secundaria e Bacharelato, senón tamén en Educación Primaria.
Agora o Parlamento de Galicia aproba por unanimidade en xullo de 2016 unha declaración institucional de condena do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936. A Deputación da Coruña aprobaba o 29 de xullo de 2016 por unanimidade  retirar a Franco o título de Fillo Predilecto da Provincia. E a Deputación de Pontevedra aprobaba ese mesmo día, tamén, por unanimidade, retirar a Franco o título de Presidente Perpetuo da Deputación, a Calvo Sotelo o nomeamento de Fillo Predilecto,  e a distinción de Fillo Adoptivo a dous ministros de Franco. O concello de Alacante está nun proceso para eliminar 46 rúas relacionadas co franquismo, aprobándose os criterios por unanimidade, etc.
Todo isto indica que hai moitas máis razóns, e mellores condicións que hai sete anos, para que o Pleno da Coruña aprobe esta segunda fase da eliminación da simboloxía franquista, entre elas, as sete distincións que ten José Calvo Sotelo: avenida Calvo Sotelo, rúa Hogar Calvo Sotelo, peirao, instituto, retrato no salón da Alcaldía, é Fillo Adoptivo e Predilecto. Aínda temos no Palacio municipal de María Pita o único escudo franquista en edificios públicos da cidade, que é ilegal desde 1981. Os ministros de Franco non poden manter a súa distinción de Fillo Adoptivo polos servizos prestados á Ditadura, concedida na década dos 60.
Os tempos son chegados e o concello da Coruña debería executar a recomendación da citada declaración institucional do Parlamento de Galicia: “eliminar os símbolos, as denominacións e as referencias franquistas de rúas e edificios públicos”. Con esta declaración unánime ninguén poderá xa manifestar na Coruña que cambiar os nomes das rúas relacionadas co franquismo “no es prioritario para los coruñeses”, xustificar a permanencia desa simboloxía porque a súa retirada “causa graves perjuicios a los ciudadanos y comerciantes” ou cualificar o informe da Comisión de Expertos como “sainete” ou “bufonada”, como fixeron algúns cargos públicos do PP.
*Manuel Monge é sociólogo e expresidente da CRMH da Coruña

Máis razóns para eliminar a simboloxía franquista

Te puede interesar