OPOSITOR FULL TIME

|

Os electores galegos soberanos escolleron hai uns meses unha lista de nomes para que os representasen no Parlamento. O outro día, toda a oposición decidiu marchar dos seus escanos e sumarse aos manifestantes ante o pazo do Hórreo, o que vén a demostrar que as señorías que non son do PPdeG están máis cómodas detrás da pancarta e do altofalante que na tribuna de oradores. E despois din que teñen vocación de goberno, como aquel ex alcalde que cando perdeu o bastón de mando encabezou unha protesta contra el mesmo.

Tamén chama a atención que Pilar Rojo se metese na lea de filtrar os convidados a asistir ás sesións do Parlamento, cando a experiencia di que é mellor non quitar o que ninguén sabía que tiña. O único que vai conseguir a presidenta da Cámara é que cada día de sesión haxa centos de persoas berrando ás portas parlamentarias. O lado bo é que así haberá algún despistado que saiba que en Galicia hai un lugar onde se debaten leis, que afectan máis á vida galaica que as da capital do Reino.

A oposición ten que reformularse o seu papel na Cámara. O Bloque xa gobernou na Xunta e en concellos e Aymerich nunca perdeu o seu ánimo de loitador. Recordemos que era máis o azoute de Touriño que o mesmo Feijóo. Os recentes chegados en coalición nacionalista internacional tamén estiveron en responsabilidades de mando, como Yolanda Díaz, pero parece ser que lles vai máis a marcha manifestante que o traballo parlamentario.

Despois están os socialistas de Pachi Vázquez, que parece que están alí sentados porque teñen que estar debido á mecánica electoral e non poñen a camiseta reivindicativa porque se consideran xente seria. O curioso é que en vez de sumarse á protesta exterior, optan por reunirse cun grupo de afectados. De broma. Nin sequera tiveron tempo de atender aos seus supostos electores noutro momento e agardaron a falar con eles o mesmo día do plante parlamentario. Vexamos se sae desa reunión algunha iniciativa ou só queda na fotografía oficial.

Todo apunta a que os políticos da oposición exercen de castigo do Goberno aos poucos algúns días á semana ou cando hai algarada, iso de traballar full time non lles cadra moito e hai moitos que levan varias lexislaturas alí postos, sen saber moi ben o que fan, polo menos poderían aproveitar para ler “A rebelión das masas” ou sacar o título de bacharelato.

A nosa oposición está máis perdida que a Liga para o Deportivo e xa dan por finiquitada a lexislatura á espera de que veñan tempos mellores dentro de catro anos, así que van sacar máis réditos electorais na rúa que na moqueta, polo menos iso é o que pensan algúns.

OPOSITOR FULL TIME