Predicar co exemplo
Aque foi considerada unha navallada a Galicia por un recoñecido membro do PSdeG sempre foi tratada polos gobernos galegos como intocable, sen que se saiba moi ben o motivo. O último Consello da Xunta de Fraga deulle a Audasa, propietaria da AP-9, licenza para cobrar até 2048 a calquera que entre nos seus dous carrís entre Ferrol e Portugal. O bipartito tampouco se preocupou moito de que a autoestrada do Atlántico tivese algún detalle cos usuarios, aínda que durante o seu mandato a vía estivese bailando de man en man a ver quen a compraba até que foi a parar a Citigroup. Agora o responsable das infraestruturas galaicas opina que os responsables da vía están tomando o pelo aos usuarios que cada domingo de calor ou día sinalado en vermello no calendario teñen que soportar colas quilométricas para aboar a portaxe.
Non sei se a Xunta sabe que Audasa non vai ter capital para acometer a ampliación da ponte de Rande nin a circunvalación da Santiago, aínda lanzando obrigacións subordinadas; pero é de supoñer que está ao tanto. Porén, o Goberno galego debía de esixirlle aos estadounidenses que antes de anchear a vía introduza máis postos de pagamento ou xestionen mellor o sistema de portaxes electrónicos. Non deixa de ser unha broma que os cobros pola telepeaxe estean suxeitos a descontos que ninguén pode cumprir en condicións normais e que a suposta bonificación se perda nunha comisión bancaria.
Cando se inaugurou o treito entre A Coruña e Santiago, uns carteis anunciaban o acontecemento sinalando que agora ambas cidades estaban unidas por unha distancia temporal de vinte minutos. Claro que daquela non había límite de velocidade e tamén era discutible que o Seat 127 da época alcanzase a velocidade suficiente para cumprir esa cronometraxe sen desmantelarse. Pero si foi todo un fito poder abandonar a lendaria estrada de Ordes, pese a deixar no esquecemento os celebrados bolos preñados, que por motivos da crise están recuperando as súas vendas pola volta dos usuarios á antiga ruta.
Máis que protestar a Xunta contra Audasa polas demoras nos cobros nas portaxes, debía Agustín Hernández comentarlle a Ana Pastor, nunha das súas conversas diarias, que incremente o número de convois rápidos entre as cidades herculina e olívica coa parada obrigada na vila do apóstolo ou que anime ao antigo Castromil, agora Monbus, a incrementar a frecuencia dos traxectos. Estas medidas animarían a pensar máis dunha vez se convén ir pola autoestrada ou embarcase noutro medio de transporte antes de sufrir unha espera para pagar, por moi amables que sexan os cobradores dos postos de pagamento. Tamén hai que predicar co exemplo desde a Xunta. As mesmas colas que se producen na AP-9 tamén se dan na autoestrada da Coruña a Carballo e de xeito proporcional.
