Sospeitosos habituais
“Éun home de carácter pechado, escuro, galego” que gardaba os cartos “debaixo do ladrillo, coma todos os galegos”. Estas son algunhas das definicións que o comisario Serafín Castro, aparentemente nacido en Galicia, aplica ao autor do roubo do códice Calixtino. En vez de relatar o minucioso traballo policial que levou á recuperación do manuscrito, o elemento dedicouse a converter o feito de ser galego nunha agravante máis. Pois imos ben con este xefe policial, calquera de nos xa somos sospeitosos.
O xuízo de valor de ser “pechado e escuro” parece normal nunha persoa que realizou un furto, señor policía. O normal é que quen cometa un delito non o publique. Se o electricista gardaba o diñeiro debaixo dun ladrillo, como todos os galegos, tampouco é merecedor de descrédito. Bote contas do que aforrou en comisións de mantemento. Ademais pense vostede, señor Serafín, cantos galaicos investiron no sector inmobiliario. Descoñezo a traxectoria profesional do comisario Serafín Castro, pero as súas palabras fanme supoñer que estivo destinado por outros territorios do Reino onde os habitantes eran máis alegres e chistosos.
Pouco avanzamos na erradicación do autoodio dos galaicos, o que vén sendo que temos vergoña de ser galegos e con personaxes como o comisario Castro revivimos cada día o mesmo tópico, tan da terra como o propio códice.
Señor Serafín, vostede o que debía de explicar é por que tardaron un ano en localizar ao autor do roubo, tempo máis que suficiente para esclarecer os feitos, pero claro, se tiveron que investigar aos dous millóns e medio de galegos censados na comunidade e a outros tantos dispersos polo mundo, hai que recoñecer que iso leva o seu tempo. Gustaríame saber se eu tamén fun un dos analizados pola súa brigada por ser galaico, non sei se “pechado e escuro” e por ter algún billete gardado nun caixón.
Comisario Serafín, converteuse en noticia pola súa retranca nos telexornais españois debido á súa capacidade de querer ser máis protagonista que o propio Santiago Matamouros. Talvez quería emular ao seu colega valenciano que chamaba inimigos aos manifestantes.
Seguramente ninguén lle pedirá responsabilidades por pasar a formar parte da lista de autoridades que encontraron nos galegos o chiste fácil, aínda que vostede, señor Serafín, tamén formase parte dos sospeitosos por ser galaico. Creo que terá máis futuro como monologuista na televisión que ao mando da Policía, porque a súa intervención foi todo un espectáculo, só lle faltou moverse polo escenario como Chiquito de la Calzada e pór acento andaluz ao seu relato dos feitos, seguindo os tópicos que abundan nas noites de cabaré madrileñas.
