UN APOIO TEOLÓXICO

|

Avista do papa á illa de Cuba saldouse coa concesión do réxime castrista aos católicos de que este Veneres Santo, o deste ano, fose festivo e de celebracións piadosas da morte e resurrección do noso señor Xesucristo. O país caribeño ten fama de ser totalmente aconfesional e sen relixión aparente e visible entre os seus cidadáns, polo menos na práctica diaria ou de descanso dominical. Como todo territorio que caeu en mans dos casteláns da Castela de Isabel e Fernando e os seus descendentes, aplicouse habilmente entre a poboación indíxena a idea do deus cristián polas boas ou polas malas, ambos métodos teñen probada eficacia para todo tipo e modelo de adoutrinamento, sexa político, social ou gastronómico.

Desde a sede madrileña do Reino, que só tolera as visitas papais a Cuba ou as do defunto Fraga, veuse esta segunda viaxe pontificia con bos ollos, porque se trataba de civilizar ao goberno da illa e pór freo entre a poboación da illa á expansión doutras crenzas, importadas de África e mesturadas coas indíxenas, máis afastadas da relixión verdadeira, e que semellan ser máis toleradas polo réxime que as dirixidas desde o Vaticano.

Miles de galegos poboaron e asentaron as bases políticas e sociais de Cuba, algúns dos seus descendentes aínda gobernan desde o Capitolio da Habana

 

Tal vez agora o snobismo da capital, poboada de curandeiros senegaleses e de rituais folclóricos de documental de National Geographic, disparase as alarmas sobre o perigo da expansión da fe nas iconas congolesas e levase aos ignorantes da realidade cubana, só analizada desde unha piscina de Varadero, a promover unha cruzada e armar un exército cristián para reconquistar a illa caribeña. Se preguntasen aos galegos, os únicos expertos en Cuba, non habería tal voz de alerta.

Miles de galegos poboaron e asentaron as bases políticas e sociais de Cuba, algúns dos seus descendentes aínda gobernan desde o Capitolio da Habana. Foron, viñeron, quedaron e regresaron en ninguén trouxo para o territorio galaico deidades negras nin cerimonias relixiosas orixinarias do continente negro. Calquera habitante destas aldeas cubertas de bruma que chegase á illa en busca dun futuro prometedor sabía que unha meiga, curandeiro, compostor ou bruxa con denominación de orixe non era rival para un negro danzarín, por moitas plumas e folas de palma que levase sobre o corpo e idioma estraño que falase entre grolo e grolo de ron. Os galaicos sobreviviron ás inquisitoriais madrileñas durante século mediante a habilidade de disfrazar o animismo do caldeiro máxico baixo a simboloxía relixiosa. Aínda temos máis fe nun hábil curandeiro, de idioma intelixible, que nun especialista en medicina científica.

Desta complexidade relixiosa e credencial galaica, aparecen pensamentos cristiáns se non de natureza crítica si de matiz, que son entendibles por ilustres teólogos, pero que outros condenan e até perseguen como novos inquisidores. As reflexións teolóxicas de Andrés Torres Queiruga merecen o meu respecto e a miña defensa, aínda sen entendelas, simplemente por que son realizadas desde Galicia e perseguidas desde a estepa castelá.

 

UN APOIO TEOLÓXICO