CORRUPCIÓN E ECONOMÍA DE MERCADO

Coñecimos nos últimos días dúas revelacións que degradan máis a lexitimidade do Goberno do Estado. Por unha banda, sóubose que a ministra Mato estaba casada en réxime de gananciais con Sepúlveda aínda no 2007. Pola outra, Rajoy publicou as súas declaracións fiscais. E destas tírase que no 2008, cando a crise xa era unha realidade, o PP incrementaba o soldo do seu presidente nuns 28.000 euros até elevalo a máis de 200.000 ao ano. Lembremos que sería no 2008 cando, segundo a versión –desmentida polo PP– do xornal “El Mundo” De Cospedal suprimiría os sobresoldos da rúa Xénova, que ascenderían no caso de Rajoy a 25.200 euros ao ano, segundo os apuntamentos publicados en “El País”, tamén desmentidos polo PP.

E mentres medra o malestar, o PCE ven de afirmar que a corrupción é consubstancial ao sistema. Velaí que só safaríamos da corrupción a medio dunha transición cara ao socialismo, esquecendo a evidencia da gravísima corrupción que existiu na Europa do socialismo real entre 1946 e 1990 e existe na Cuba castrista.

O repto é previrmos a corrupción dentro do sistema. E isto esixe non confiar na autoregulación e establecer regras claras para garantirmos a transparencia e a boa gobernanza. Porque a grande ferramenta contra a corrupción é o Dereito. Un Dereito que emane dun pacto social e político que esixa altísimos estandares de calidade, moralidade e transparencia aos nosos políticos.

Compre falarmos tamén dos axentes privados facilitadores da corrupción política, residenciados nas grandes construtoras e nalgunhas empresas que cotizan no Ibex. Connivencia que non só degrada a política, senón a economía. Porque distorsiona a libre concorrencia, conforme ao modelo do “capitalismo de casino do BOE”: pouca atención á formación e motivación dos recursos humanos e ao I+D+i e construción de oligopolios. Estes axentes privados facilitadores tentan chuchar os grandes contratos, en detrimento do conxunto do tecido empresarial galego e degradan a contratación de moitos servizos públicos.

CORRUPCIÓN E ECONOMÍA DE MERCADO

Te puede interesar