Psicopatoloxía da noticia falsa

Asumimos que a psicopatoloxía constitúe a base da psiquiatría no estudo das causas e da natureza das enfermidades mentais. Aínda así, no mundo da comunicación actual, tanto en medios clásicos como especialmente no ámbito das redes sociais creado coa explosión de uso da internet na que acadan cifras de adhesións de miles de millóns de conexións, multiplicando case que até o infinito o efecto moito máis limitado do alcance nas audiencias acadada polos medios tradicionais, a proliferación de noticias falsas orientada a creación de estados de opinión pública perversos, está a se converter nunha patoloxía social que pide reflexión e medicina paliativa.

Neste asunto, fica moi lonxe a consideración dos inocentes, por máis que significativos, “lapsus linguae” que para Sigmund Freud son malas pasadas do inconsciente, manifestación verbal dunha situación de represión que ve luz filtrándose clandestinamente no discurso verbal, aínda que o erro ou tropezo involuntario non supoña que a expresión furtiva sexa verdade. A obra do autor austríaco, “Psicopatoloxía da vida cotiá”, unha das máis populares do mítico, polémico e carismático teórico pai da psicoloxía moderna que logrou que ningunha teoría, agás a súa, acerca da estrutura e do funcionamento da mente tivese tanta influenza nin tivese acadado un estatuto tan determinante como foi a “doutrina psicoanalítica”, con explicacións e categorías que non tardaron en converterse no núcleo dun xeito radicalmente novo de entender a realidade psíquica do universo humano no último século. Porén, os temas vistos nesta publicación que aborda os esquecementos mentais, as causas das equivocacións na fala e na escrita, os mesmos actos que fallan ou as supersticións, algo común a toda a xente, non permiten entender o actual fenómeno da incidencia que representan as noticias falsas, as “fake news” que promoven actos irracionais.

De pouco vale que a normativa legal fale da abriga a “comunicar e recibir libremente información veraz por calquera medio de difusión” ou se consagre o dereito “ao honor, á intimidade, á propia imaxe e a protección da xuventude e da infancia”, cando media negocio mercantil por medio os algarismos dos oligopolios na rede só buscan mover e distribuír conexións que suman efectivo á caixa da empresa. Contan coa complicidade sectaria nos destinatarios identificados, e multiplicadores, da falsa noticia. Terraplanistas inmunes á lóxica e á ciencia. A liberdade de expresión e de opinión precisa pór un muro separador á contaminación tóxica das noticias falsas. 

Psicopatoloxía da noticia falsa

Te puede interesar