A inmunidade do rabaño

Nas páxinas dos medios escritos, nas antenas dos boletíns informativos da radio e dos outros medios audiovisuais; e, como é de agardar, nos parladoiros que nos abafan coas peculiares consideracións arredor desta pandemia vírica, é fácil atoparse coa expresión “a inmunidade do rabaño”, inmunidade de grupo ou colectiva que é o caso dun escenario no que a máis grande parte dunha poboación, por vacinación ou por situación de padecer unha enfermidade infecciosa que o seu propio efecto crea un estado de inmunidade futura, de xeito que sendo moitos máis os que están blindados contra esta afección a probabilidade de infectar á parte menor, susceptíbel de ser afectada, é máis escasa e daquela ofréceselles unha protección indirecta aos maleables.

Este propósito sanitario, cerne das medidas que persigue o mundo occidental, ten outra lectura na súa face metafórica. Co balbordo creado arredor dun estado, sen precedente na retina da cidadanía planetaria dos tempos que corren hoxe en día, vai configurándose un perigoso estado de opinión pública que lembra o relato analítico do libro académico de Naomi Klein, aquí titulado “A doutrina do shock”, no que sostén que o considerado libre mercado responde a un programa de enxeñería social que ela identifica como “capitalismo do desastre”. O mito deste modelo económico individualistas baseado no lucro privativo, non triunfou polo seu respecto democrático de utilidade ás maiorías sociais, mágoa é que non. Pola contra, esta autora, proba que o capitalismo utiliza constantemente a agresividade, o choque, e pon ao descuberto os fíos que moven aos monicreques tras os acontecementos máis críticos das últimas catro décadas. Un sistema económico e social que fai uso da violencia, do terrorismo, das catástrofes naturais e das pandemias sanitarias no seu favor para introducir máis medidas impopulares, facilitadas por ese ambiente de shock social que adurmiña á xente pola exposición ao relato tóxico soportado.

É ben evidente que na información institucionalizada como mensaxe diario, a xeito de parte de guerra, non se conta a realidade do efecto, en contaxios e probabelmente mortes, causada pola epidemia vírica. É de supor que forme parte dun plan para subministrar pequenas doses, de forma sistemática e constante, para ir graduando o ritmo da dimensión verídica, tanto dos efectos na saúde pública como tamén a súa transcendencia económica, laboral e no benestar social. 

Cóntase, coa retranca debida a xeito de exemplo, que as persoas optimistas distínguese das pesimistas porque as primeiras consideran que está próximo o día en que xa non ficarán máis que pedras para dar de comer á humanidade, no entanto os segundos, os pesimistas, cren que non haberá xa pedras suficientes para todo o mundo. Bo resultado sería que se cumpra a sentenza que nos asegura que “nunca choveu que non escampase”.  Porén, aquí vai chover sobre mollado. 

A inmunidade do rabaño

Te puede interesar