Da insoportable levedade

|

archa outubro. E faino coma se houbera unha confusión de datas dun cumpreanos sentido. Os trazos que permitían identificar as festividades, e darlle o merecido cumprimento, agora sofren a uniformización dos días de diario. É o Día de Defuntos, onde sempre unha punzada de emoción e de nostalxia chegaba do noso cerebro ao noso corazón. 
Hoxe tamén chega ese latexo pero os cemiterios aparecen baleiros da inmensidade de flores e visitas para honrar aos nosos. Vivimos nun mundo diferente a aquel no que medramos. Sabemos que todo vive en nós e que nada desaparece das nosas emocións. 
Pero hai unha dor difusamente sentida que envolve coma un veo as nosas emocións. As cidades perden o efecto reclamo que dende sempre identificou a súa estrutura urbana. Desaparecen, momentánea e acertadamente, o ruído e a diversidade cultural e de ocio. 
Aquelas sinais de identidade dos atascos que dicía ese ser tan especial que é Díaz Ayuso. As imaxes dunha Europa sobrepasada e ao borde do confinamento, asustan e conmocionan. Hai unha especie de sensación de estar no medio de ningunha parte. Unha insoportable levedade que choca frontalmente coas discusións estériles e os enfrontamentos estúpidos que non resolven nada. Nunca fomos tan Europa coma nesta situación. E o mundo segue xirando. Parte dos universitarios seguen temerariamente coas súas festas, e outros pensan que teñen a inmunidade dos poucos anos, e do aínda menos sentido. Demasiados empezan a confundir a prevención coa imposición. Falta sentido común. Ao final pasará o de sempre, que chegará a sorpresa e nos vai coller a destempo e  sen confesar. Alguén fará a declaración clásica: pois era moi educado, sempre saudaba na escaleira.
Vivir é asinar certificados de afectos  -dixo El- compartir os catálogos de ausencias e acariñar a pel emocionada de sentirte. Vivir é constatar que todos os mundos latexan sempre en ti...

Da insoportable levedade