De vetos e sospeitas

|

Soplan malos ventos en Galicia. A presidenta do Parlamento, cunha maioría amplísima do PP, impón un veto para prohibir que os cidadáns accedan á tribuna do Parlamento. Á casa dos cidadáns. Nunca fixo falla semellante desmán. Ten o regulamento da Cámara protocolo suficiente que aplicar para garantir a orde nas tribunas. Os que non temos defensa ante abusos deste groso calibre, somos os cidadáns.

Vivimos tempos de truculencias, onde os medos gañan por goleada ao sentidiño. Mala sinal se os representantes da cidadanía semellan ter medo desa cidadanía á que representan. E flaco favor lle fan á recuperación da credibilidade na política os dirixentes que aplican o veto como solución. É como agochar o lixo baixo a alfombra. Non resolve nada, acaba por descubrirse, e cabrea moito máis. A cidadanía precisa ser escoitada. As protestas son reflexo de que hai moitas eivas, moitas carencias e que nada vai ben. E ten dereito a queixarse, e a que os seus representantes estean á altura da responsabilidade adquirida cando foron elexidos.

O PP acusa á oposición de apoiar aos que protestan. Pilar Rojo e Feijóo esquecen que estando na oposición mobilizaban alcaldes e colectivos cidadáns contra Touriño. E nunca se aplicaron vetos. Alguén dixera que a memoria era un país estrano. E estaba no certo. Nos tempos de invernía, onde todo pinta gris e nunca hai boas novas, os vetos son mechas incendiarias. A sospeita xeneralizada é unha constatación dun fracaso absoluto. Galicia agarda altura, compromiso e cercanía. Rectificar sempre foi de sabios.

De vetos e sospeitas