COUSAS DE APELIDOS

|

Houbo unha época na cal os naturais destas terras lanzáronse á aventura polo mundo exterior e o seu destino estaba acoutado pola cantidade de diñeiro que eran capaces de xuntar para comprar un billete dun medio de locomoción. Así, algúns chegaron ás américas, outros a Múnic  e moitos non pasaron dos Altos Hornos de Vizcaya. A maioría destes galaicos retornaron sendo galegos e outros regresaron cociñados á biscaíña a bordo dun Seat 1430 Supermirafiore con matrícula dunha provincia vascongada.
O caso e que mentres regresaban a Galicia os Pérez, López, García e máis apelidos ilustres da comunidade, outros quedaban naturalizados en terras vascas de por vida e só viñan á aldea o día do patrón falando en acento estraño, de tal modo que os Kastro, Karballeira ou Korredoira sentaban na mesma mesa que os Carballeira ou Corredoira xunto cos pedros e aitores. Unha ollada á web do INE pode converterse nun pasatempo buscando apelidos desgaleguizados ou desnaturalizados. Cando se acometeron os primeiros censos de nativos galaicos polas autoridades españolas, os autóctonos tiñan que dar información do seu nome propio e de como eran chamados polo resto dos seus conxéneres de forma repetida, de onde vén a palabra apelido. Houbo quen dixo que atendía por Antón e ante a consabida pregunta de Antón que máis? Respondía que Antón o do río. Segundo entendese o amanuense o pobre home pasaba a chamarse Dorrío ou Del Río. Así temos por aquí aborixes e topónimos de mestura inaudita conforme foron bautizados polo escribán que lles tomou filiación.
En certa ocasión un grupo de turistas ingleses quedou sorprendido polo son das gaitas e os foguetes que os espertaron un día de verán. É de supoñer que pensaban que os irlandeses invadiran Galicia, pero tralo susto inicial preguntaron polo instrumento de vento e que lles explicaran como se daba nestas terras a música que tiñan eles asociada ás illas británicas. Un natural do lugar deulle extensa razón sobre o instrumento e recomendoulles unha cinta de casete dun grupo que se chamaba Airiños da Terra. A conversa entre os ingleses e o galego, mantida en mestura de linguas, chegou a un punto morto cando os servos de Isabel II non eran quen de pronunciar o nome do grupo polo que foi necesario recorrer a un bolígrafo e un papel. Pero o feito de que houbese unha letra rara e pouco galega como o eñe fixo que o explicador galego optase por bautizar o nome do grupo folclórico  por Little airs country. Descoñezo se ao final conseguiron algún disco dos músicos autóctonos, pero se alguén encontra en Portobello un nome parecido xa sabe de onde vén a orixe do apelido.

COUSAS DE APELIDOS