DE TEMPORAIS E MARMELOS

Cando remata o verán, chegan tempos de incerteza. Asubía o vento nas fiestras como na máis fondo inverno e as colleitas de albariño amagan con ser historia, baixo o peso da choiva que non cesa. Son tempos que veñen motivados, por outras inclemencias anteriores. Aquelas dun verán que nin o foi. Tamén polos episodios que mancharon de podremia a destacados dirixentes históricos. E de paso, afogaron as nosas escasas esperanzas.
Seguramente, os cualificativos de históricos, están sobrevalorados. Outorgamos demasiadas medallas, sen comprobar ben os méritos. Vivimos coa sensación da fin dun tempo de loureiros e triunfos, que medrou parello ao proceso de construción dunha democracia tardía; da posta en marcha dunha maquinaria ávida de dereitos, novidades e aprendizaxes. Hoxe, ancorados no temporal da crise que non cesa, resistir é a palabra máis usada e adaptarse ao que hai, o exercicio que maioritariamente practicamos. E sen luz, nin brotes verdes, no túnel das paisaxes.
Hoxe, constatan uns recortes de 2.000 millóns en políticas sociais, e nin parou de chover, nin hai clamores nas cidades nin nos desertos. Só podemos certificar un descenso máis na escaleira que nos fai caer a rolos ata a peor das situacións de precariedade. Aumenta a desprotección e a debilidade dos que menos poden. E a pobreza medra de xeito exponencial. Mentres, Escocia decide continuar no Reino Unido, e queda no aire a sensación de diferenza nos discursos; da moderación, o respecto e a mesura coa que todos trataron a consulta: con altura e discurso. No fondo das cociñas cocen os marmelos, maduros e recendentes, amarelos coa intensidade de soles. Humildes e doces rituais, coma esperanzas novas.

DE TEMPORAIS E MARMELOS

Te puede interesar