LIBERDADE E SEGURANZA

Aconvivencia en democracia é unha escolla común que case todos partillamos. Mais é posíbel que non todos saibamos algunhas resultas inevitábeis desta escolla. Como que a democracia refuga da pena de morte e do cárcere perpetuo e prefire absolvermos ao inocente antes que castigarmos ao culpábel.

Porén, vivimos tempos nos que semella termos que escoller entre liberdade e seguranza. E moitos políticos teiman en agravar o Código Penal e a súa interpretación xudicial.

Velaí a proposta de Núñez Feijóo a respecto dos lumes forestais, descoñecendo a mantenta a pescuda xeral que a Fiscalía Superior de Galicia e a Garda Civil desenvolveron e da que tiraron a nidia conclusión de que a meirande parte dos lumes son intencionais, malia qu os delincuentes adoitan actuar sós e ser persoas de moi baixas intelixencia e socialización.

Non é posíbel a liberdade sen seguranza nin a seguranza sen liberdade

 

Tamén cómpre salientar aqueles endurecementos punitivos pensados ápenas para terroristas ou violadores que rematan por se espallar aos outros delincuentes, tencionando converter a excepción na regra xeral.

Mesmo hai poucos días o ministro do Interior propuña agravaren as penas para a violencia de rúa de baixa intensidade á fin de que os seus autores puidesen mesmo seren presos de xeito cautelar. Semella que, amáis de nos esquecer dos alicerces da democracia, estamos a esquecer da súa regra fulcral canto ao Dereito Penal: éste ha ser o derradeiro recurso.

Porque se castigamos con largura os delictos menos graves, os delincuentes tenderán a perpetrar os máis graves, para garantir a comisión das súas accións. Eis o risco da sobrepunición.

Alén diso, semella que os cidadáns que pretendan achegarse á rúa (á ágora) como lugar para amosar as súas percepcións e sentimentos sociais están a ser desvalorizados. Velaí o cámara detido en Vigo na pasada folga xeral ou os recorrentes incidentes urbanos das nosas cidades.

Por iso compre lembrar seguido que non é posíbel a liberdade sen seguranza nin a seguranza sen liberdade.

LIBERDADE E SEGURANZA

Te puede interesar