A CORRUPCIÓN POLÍTICA
Choca que cando se fala da corrupción política só se poña o acento sobre unha das partes, porque no 90% dos casos está ligada ás empresas privadas. Estas, mediante prebendas, queren conseguir contratos públicos, achegas, ou medidas favorábeis, que lles garantan importantes beneficios. Tampouco a corrupción atinxe a todos os partidos por igual, xa que sobre todo abrangue a aqueles que defenden os intereses das grandes empresas e patrimonios. Nos demais, os casos de corrupción son unha excepción, porque nunca se está á marxe desta lacra, máxime nun sistema económico no que se gaba a cobiza e o individualismo.
Non todos os partidos son iguais. Porén divulgar esta idea incorrecta é-lle (nesta conxuntura) funcional aos partidos que están podres e aos poderes económicos que se favorecen da concentración e centralización da riqueza. Deste xeito desvían e agochan as responsabilidades do reaxuste (a crise), que esmaga á maioría social, sobre os que lle serven de portavoces. Mesmo, aproveitan a xenreira popular, alentando a redución da representación política nas institucións, para botar fóra aos partidos alternativos. Afogarían deste xeito o pluralismo, a fin de deixar como únicas alternativas aos de sempre, ou os representantes que decidan directamente as clases dominantes (como aconteceu en Italia e Grecia), se é que entenden que xa non lles vale o bipartidismo das ultimas décadas, que tan bo servizo prestou á globalización neoliberal.
Cómpren medidas que corten polo san a corrupción, que rematen coas distintas varas de medir na eliminación deste cancro, tamén cando atinxe aos poderes fácticos (como a igrexa, coroa, exército, poder xudicial, grandes fortunas, etc.). Tampouco se pode entender que deixara pasar tanto tempo para axer a fiscalía e os xulgados nestes temas. O que acontece, sendo un avance, deixa a dúbida de que se debe máis a axustes entre as clases dominantes, que á imperiosa necesidade de facer xustiza. Espero estar trabucado, porén é difícil de crelo cando o diñeiro é o deus máis venerado. Por iso coido que teremos un segundo acto (pode que algún máis), e que serán necesarias mudanzas máis radicais.
