Puro espectáculo

Cousas veredes! Candidatos que cantan (e mal). Candidatas que bailan ou cantan en inglés. Secretarios xerais que xogan unhas canastras. Presidentes traxeados andando en bicicleta (o tempo xusto para tirarlle unhas fotos para a prensa). Candidatas desafinando rumbas cataláns... algo está a pasar, e non é nada positivo.
Alguén decidiu, que á sociedade xa non lle importan as mensaxes nin lle interesan os programas electorais. O importante é chegar e encher, como dixeran os clásicos. Chamar a atención independentemente das mensaxes e dos discursos. Ser identificable e poder ser lembrado, non pola eficacia, se non pola ocorrencia. Hai unha posta en escena que incomoda. Supera os límites do populismo admisible, e choca cunha realidade de dureza, ou mesmo de drama, dunha parte importante da cidadanía.
Ao berro de “Sabedes a última do candidato”? os cidadáns asisten perplexos á repentina vocación de showmans que, a algúns dos nosos polític@s entroulles de súpeto. Penso que nestes anos de crise perdemos unha grande oportunidade para mudar os discursos, os métodos e a maneira de construír cos cidadáns. Tiña que cambiar a forma, pero tamén o fondo. Convencer e comprometer á sociedade nun camiño novo, tiñan que ser os eixos forza, que levantaran un novo compromiso social co electorado. Pero non pasamos das musas ao teatro.
Seguemos intentando lograr a empatía a base de chascarrillos (cando non bromas de mal gusto) e de trucos de malos prestidixitadores. Nos cambios de marco e de tempos é preciso tamén un cambio intelectual. Un novo modelo, actualizado e dirixido a mirar adiante, e non a lembrar permanentemente o moito xa conseguido. E iso é o que falla. Máis alá do espectáculo, a levedade repetitiva e monótona do discurso, continúa.

Puro espectáculo

Te puede interesar