NIN CHAMPÁN NIN BOMBAS DE PALENQUE

|

Ás veces a realidade acaba por demostrar que nada é absoluto, e que a sociedade, sempre reacciona ante os estímulos que considera preocupantes e perxudiciais para a súa propia condición de cidadán e ante a perda da calidade de vida, versus dereitos, que hoxe están seriamente en perigo de extinción.

Nin toda a artillería mediática do PP disparando o descrédito Socialista a plena potencia, durante varios meses, nin os titulares de prensa e televisión cada día máis grandes e máis escandalosos cos do día anterior, foron quen de acadar que o, cuasi eterno, aspirante Arenas mudará a súa condición de sempre pola nova de campión do goberno andaluz. Aqueles que venderon ter un goberno antes de cazalo; os que lle botaron as contas da leiteira a Rajoy e ao seu equipo, e os que tiñan na man as bombas de palenque para celebrar as victorias que lograron colar nas enquisas, deberan reflexionar sobre a imposibilidade de agarrar o mar entre as mans e a de controlar a vontade dun pobo que, libremente, vota e decide sobre o seu propio futuro digan o que digan, ou agochen o que agochen, os potentes medios de opinión.

As leccións da Democracia teñen renglóns torcidos pero grafías claras; non entenden de xeografías, danse igual no Norte que no Sur, e sempre deixan un pouso de sensatez. As mellores victorias son sempre silenciosas e colectivas, por iso, que devolvan o champán e as bombas de palenque.

NIN CHAMPÁN NIN BOMBAS DE PALENQUE