CARAVAGGIO

Oviaxeiro amante da pintura en Roma non debera, baixo ningún concepto, perderse a igrexa de San Luigi degli Francesi, a unha carreira de can da Piazza Navona. Tan inevitable esta como ir a Santiago e non visitar a Quintana. E o amador da pintura terá de achegarse a San Luigi porque nel hai tres Caravaggios como raiolas nun solpor, claroscuros por definición como luscofuscos ao perder o día brillo e lume.

Así este Caravaggio, glorificador dun evanxelista. Sobre todo no moi dramático “A conversión de San Mateu”, un dos cadros que eu máis reverencio. E en San Luigi estaba eu o outro día, explicando estas pinturas a un grupo de xubilados españois que atentos á miña lección á “scolaresca” que comigo vai pediron que a proseguise con eles. O que fixen, que eu para cousas así son como aquelas galiñas de Xericó, das que hei de lles falar outro día.

Que desta volta só direi que apenas pronunciei Caravaggio vai un dos reformados (de Miranda de Ebro ou de Aranda de Duero, xa non me lembro) e pregunta, sen mala intención, coido: “¿Carallo, dijo?”. Un chisco amocado retrouso: “¿Pero usted sabe lo que es un carallo?”. Abraiado fico cando o nachiño responde: “Y tanto que lo sé. ¡Para mi desgracia!”. E tan pálido estaba o home e tan desconcertado ao dicir isto que durante un minuto eterno fiquei en silencio. Tampouco máis. Que eu non fico calado nin baixo da auga. A falar de Caravaggio, mellor, ou se non de caralladas, e vostedes disimulen.

 

CARAVAGGIO

Te puede interesar