CANS

|

Cuanto mas conozco a los hombres, mas quiero a mi perro Esta frase non sei si de Lord Byron ou de Dióxenes, debeulle servir de guía ao Sr Pérez Reverte para escribires “Perros e Hijos de Perra”. Neste libriño ben doado de ler preséntanos o autor un mangado de historias sobre cans e donos. Trátase dunha apoloxía dos cans onde o seus donos non saen moi ben parados, de feito son os fillos de perra aos que se refire no título.
Nembargantes, de todo hai na viña. Dende hai tempo no meu barrio de Caranza, chama a miña atención a gran cantidade de homes e mulleres que pasean os seus cans, aos que visten cuns modelos que non creo que os faga moi felices, algúns ata con caparucha para a choiva, recollendo, con santa paciencia, as súas defecacións e gardándoas nunha bolsa como manda a ordenanza municipal,... baixo ameaza de multa. Non teño nada contra os cans nin por suposto contra os seus donos pero nestes tempos que estamos a vivir parécenme excesivas tantas mexericadas con eles cando tantos nenos están pasando fame.
Tamén eu podo contar historias semellantes as que nos conta P.R., como a de Chito, un pastor alemán que cando morreu meu avó subiuse enriba da cova onde foi soterrado e alí morreu de fame poucos días despois do enterro. Este é un exemplo de fidelidade, pero pola contra tamén podo falarvos dun cadelo cativo fillo de mil pais que tiña escravizada á súa dona ata tal punto que cando rifaba con el ou o deixaba só na casa, ciscáballe na cama. Así que Sr Reverte, como pode ver, tamén hai cans fillos de perra. As dúas historias son reais, casos parecidos á primeira xa os contaba Cervantes nas súas novelas exemplares. A segunda coñézoa de moi boa tinta por xente moi achegada.
Non podo rematar sen dedicarlle un recordo a Kuper, un cadelo que botou 14 anos na casa. Entrou coma un peluche da man das miñas fillas e logo tivémolo que coidar os pais durante todos eses anos. Serviume de lección, ¡nunca máis!, Ter un can nun piso de veciños e malo para o can, unha escravitude para os donos e un encordio para os veciños. Claro que cada un é moi libre..., sempre que non se amole aos demais.

CANS