O REGATO DAS AUGAS FRÍAS

Trátase dun rego cativo tamén chamado do Porto Recimil e río de Mariz, unha aldea situada a 5 quilómetros de Guitiriz. Este pequeno fio de auga, fillo das neves, das brétemas e das uces desleiradas, baixa cantaruxando dos altos da serra da Cova da Serpe. Xa nos Boedos de Guitiriz xúntase co río da ponte Da para desaugar ámbolos dous no Ladroil que é o mesmo rio dos Sete Muíños. Deste xeito, a través do Parga, as súas augas van dar ao pai Miño no seu camiño ao mar. Alí fun aprendiz de troiteiro e alí aprendín a nadar nunha poza con pouco máis ca un metro de auga. Alí pillaba eu uns peixes badocos que logo, con santa paciencia, mandaba fritir miña avoa doña Lola, naquela ilustre cociña chamada a máis honrosas gastronomías
Moitas horas da miña nenez teño pasado á súa beira en soidade. Seguramente isto imprimíume un carácter, reflexivo e reservado que dalgún xeito condicionoume a vida. Recordo aquela tarde na que me atopei fronte a fronte coa Santa Compaña. Naqueles tempos non había tantos coches como hoxe, e a xente camiñaba a pe grandes distancias para ir dunha aldea a outra. Era tempo de verán, a tarde empardecía xa e empezábanse a escoitar os sinistros murmurios da noite. De súpeto vexo ao lonxe un fato de xente, homes e mulleres en procesión, todos vestidos de negro e en silencio.
O cadro que non podía ser máis inquietante levoume a lembrar as arrepiantes historias de animas en pena e de aparecidos que o meu avó, o vello Bergantiños, contaba na cociña do forno, nas frías noites de inverno. Foi tal o susto que levei que, sen recoller os meus aparellos, saín correndo cara á casa. Aínda o recordo hoxe como se fora onte. Ao outro día souben que aquela estadea, eran “marizados” que voltaban dun enterro. Costóume traballo volver ao río e aínda hoxe lémbrome do caso que nunca llo contara a ninguén. Nunca sentíchedes ao caer a noite, no luscofusco, unha presencia estraña e desacougante como si algo do alén estivera tratando de dicirvos algo?
Eu ben sei que hai un misterio na nosa terra, máis alá dos ríos, das fontes e dos camiños.

O REGATO DAS AUGAS FRÍAS

Te puede interesar