XOGO DE CALOTEIROS
Feijóo ven de propór reducir 14 deputados do Parlamento (de 75 a 61), cun aforro neto anual de 1,25 millóns de euros. Claro é que os 14 deputados que suprime non son proporcionais, senón que se corresponden coa máis poboada Galicia atlántica (circunscricións da Coruña e Pontevedra) onde o escano valerá uns 60.000 votos, mentres que nas circunscricións luguesa ou ourensá custará só uns 28.000. Eis, esta reforma vai facer que o voto dalgúns galegos teña unha valor dupla ao doutros.
Velaí que a tal reforma sexa un calote que tentan pasar por inxenua medida aforradora. Porque o PP, consciente do seu inexorábel e acelerado recuar electoral, quere rachar as regras do xogo no tempo de desconto para poder tirar un penalty no minuto derradeiro.
O aforro proposto podería mesmo duplicarse mantendo o mesmo número de deputados e reducindo as súas retribucións á contorna de 3.300 euros al mes, cinco veces o salario mínimo interprofesional, que semella unha digna retribución para as circunstancias da Galicia actual. Ésta é a proposta de Compromiso por Galicia e habería ser ben considerada e mesmo apoiada por unha oposición parlamentaria (PSOE e BNG) que semellan absolutamente deslocados diante do calote de Feijóo.
Mais Feijóo sinalou o camiño; falemos de grandes recurtes nas estruturas administrativas. Principiando pola supresión das catro Deputacións e dos seus 108 deputados provinciais galegos, cos seus catro presidentes e moitos vicepresidentes á fronte. Porque son estruturas ademocráticas, caciquís, ineficientes e absurdas desque existen as institucións autonómicas galegas. E sigamos co delegado do Goberno e cos catro subdelegados do Goberno e demáis servizos da Administración periférica estatal na Galicia. Para rematarmos cos ministerios de Sanidade e Asuntos Sociais, Educación, Cultura e Deporte, Medio Rural e Medio Ambiente e Industria e Comercio, que non teñen rol ningún que desenvolver existindo os gobernos autonómicos e os ministerios de Economía, Facenda ou Fomento.
