DAS EXTRAÑAS AMIZADES

|

Un primeiro de Maio chovendo a Deus dar auga. As forzas sindicais que convocan, novamente, mobilizacións por separado. Semella que loitaran por obxectivos diferentes, nun tempo onde hai unha convicción maioritaria de poñer en solfa a partidos e sindicatos. “A chuvia é contrarrevolucionaria”, dixera Tayllerand a Fouché na famosa obra teatral  “A cena”. Josep Maria Flotats e Carmelo Gómez daban vida a dous inimigos irreconciliables, que deben pactar o camiño a seguir trala caída da Francia de Napoleón. Cuestión de necesidade, dirán algúns. De supervivencia dirán outros. Pero o caso é que precisaban acordar o mellor solución.
Hoxe, na sociedade, está instalada unha  longa vaga de apatía contrarrevolucionaria. As respostas ante as grandes evidencias das corrupcións que manchan a realidade política do país quedan nas conversas de café. Os programas de debates políticos son cada vez máis, pero os seus efectos sobre a cidadanía, semellan ser cada vez menores.
Monedero deixa Podemos con airadas críticas. Iglesias di que Juan Carlos é un intelectual, e precisa espazo para voar. De novo o enfrontamento entre a hipótese e a praxe. O choque irreconciliable entre as ideas e as realidade. Pero os problemas permanecen, e hai que crear respostas adecuadas e efectivas. Hai que rexeitar vellas maneiras de facer as cousas. E instalar novos sistemas de control.
O bispo de San Sebastián demostra cun novo libro que ten máis atrevemento que sentido común e invade territorios (intelectuais) que lle son demasiado alleos.
Seguen saíndo cobros, pagos, sobornos, branqueos, calorets, asesorías orais... e as enquisas non acaban de aclarar se hai castigo bíblico para os malos cumprimentos.Segue chovendo. Ao menos, os ramallos amarelos dos maios, colocados nas portas, impiden que as meigas malas, invadan as nosas vidas.

DAS EXTRAÑAS AMIZADES