BURRICÁNS DE COIDADO

AOCDE é unha especie de organismo que non se sabe moi para que serve, pero que cada vez que aparece cun relatorio dá un susto ao actual Reino de España: nunhas ocasións para criticar a economía e noutras para referir que os habitantes do conxunto do Estado andan moi mal en instrución pública, como se chamaba antes á educación ou ao saber ler e escribir e dominar con dificultade media as catro regras.
Chama a atención que a Organización para a Cooperación e Desenvolvemento Económicos cualifique como adultos aos rapaces que teñen 16 anos de idade e os inclúa no grupo dos que pouco máis saben que asinar co dedo gordo, claro que o inquérito abrangue desde esa idade até os 65 anos, o tempo que se supón de vida laboral. Así que calquera que se as dea de licenciado, doutor ou enxeñeiro na actualidade é sospeitoso de ser un burricán de coidado, aínda que sexa dun Estado que ten miles de universitarios traballando en niveis baixos.
Nestes tempos de modernidade aínda se escoita a pais ou nais aconsellar aos seus fillos que non estuden e que aprendan un oficio, á vista da situación económica, que total para ir ao paro non convén perder o tempo entre libros. E así vemos que moitos rapaces cando acaban o ensino obrigatorio se lanzan ao mundo laboral indefensos e sen formación, porque consideran que xa cumpriron, así que a lectura se esquece, as matemáticas se reducen a sumas e restas e pouco máis se aprende.
Os galaicos, se fósemos analizados pola OCDE, daríamos os niveis más baixos en todos os estudos, o que resulta incomprensible dado que temos unha poboación escasa. Non nos podemos queixar de autogoberno para investir en educación, aínda que se malgasten fondos en cidades da cultura e outros disparates, a formación académica dos cidadáns continúa sendo barata, incluso en idades avanzadas.
Moitos galegos o único que aprobaron na súa vida foi o exame do carné de conducir e en consecuencia o conxunto de palabras máis extenso que leron foi o libro da autoescola. Recordo na miña época de estudante automobilístico unha discusión entre dous futuros condutores sobre o significado do concepto de vehículo que precede ou antecede, supoño que a comprensión desas dúas palabras continuará como incomprensible para os vindeiros ocupantes do parque móbil.
Os famosos cursos de formación para desempregados deberían ensinar, ademais de como manipular unha máquina de soldar, algo de cultura xeral, como se dicía antes. Pero agora esas clases impárteas un profesor cun punteiro láser e unha presentación de power point, cando non son explicadas por outro parado que fixo un curso para formar desempregados, denominación irónica da situación galaica.

BURRICÁNS DE COIDADO

Te puede interesar