VIARADA A BABOR

Isto vai de valoración electoral. O título é unha metáfora, en argot náutico, do rumbo que escolleu a xente para corrixir a traxectoria dunha nave que, pola deriva actual, vai directa a pique. Atrevido é meterse no complicado papel do analista político, máis meritorio se tratamos de estudos pos electorais, porén todos levamos un adestrador deportivo dentro e isto non é diferente a interpretar as claves dun partido. Ao asunto. Falou o pobo, e falou ben. Sentencia inapelable. Condena, sen paliativos, da traxectoria de goberno xeral e das políticas antipopulares en materias de reforma laboral, presión tributaria, ataque aos servizos básicos de benestar, empobrecemento e rexeite da imaxe de corrupción, enriquecemento e clientelismo a favor dos poderosos, baseada no abuso dunha maioría parlamentaria. Castigo, no local, á soberbia, chulería e prepotencia dos estilos de relación que desprezan á xente por ir sobrados de votos. Corrección de humildade que se vía vir. Aínda así, é necesario diferenciar o resultado cuantitativo do cualitativo.
Nunca antes tivo tanta importancia ese matiz. Por cantidade de respaldo electoral, os partidos que representan á tradición continúan a manter a máis grande parte dos votos e da súa presenza no poder local, entendido por número de concellerías e gobernos municipais. Cousa diferente é a situación simbólica dos ámbitos urbanos máis poboados que se incorporan á tendencia de apostar por candidaturas alternativas de unidade plural, da esquerda, vistas como alternativa de rotura ao réxime alternante nos últimos anos. Velaí, tamén, a incidencia correlativa nas convocatorias autonómicas que se suman á decisión cidadá de repartir o seu apoio, buscando evitar a concentración de poder ao apostar por outras candidaturas emerxentes que entran na dinámica política como axentes de relevancia, botando fóra a outros actores.
Un novo mapa político, diverso e plural, que vai afrontar a proba do algodón coa xestión de acordos que faciliten gobernar na liña decida pola cidadanía e políticas diferentes. A inflexión iniciada coas europeas, continuada coas andaluzas e acentuada nestas locais é aviso último para navegantes apegados ao Código Mariano quen, sen marxe de corrección nin tempo de reacción, vai esgotando aceleradamente o sobrado crédito de voto popular que malgastou por submisión aos ditados da política de austeridade, imposta desde fóra. A fin do seu goberno está á vista da xestión desta virada a babor.

VIARADA A BABOR

Te puede interesar