Das dobres linguaxes

En certas situacións, cando intento reflexionar sobre o significado dalgún feito concreto, acoden ao meu pensamento frases case sepias, pero aínda moi sabias e simbólicas. 

Por exemplo, escoitando explicacións sobre a traxicomedia instalada tralo temporal das eleccións andaluzas, volvo a escoitar a Krahe, Sabina e Pérez na Mandrágora, con aquelo de home branco fala con lingua de serpente. 

E non podo evitalo. Gañan os que perden e perden os que gañan, nunha especie de cerimonia da confusión onde ninguén quere facerse de menos, por moito que a sociedade xa os fixera de máis. 

Non entender cando hai que ter a dignidade de recoñecer erros e facer autocrítica, fala máis das visceras que do sentido común. Hai quen vive en  realidades paralelas e non asume a responsabilidade das accións, como se pasaran casualmente por alí, e aplican cada esforzo a transmutarse do formato de verdugos ao de vítimas, antes de que o reloxo os reconverta en cabazas. 

Pero non sempre a suma implica ser máis e moito menos mellor. Todo o contrario hai algunhas sumas que restan, e moito. 

Nunca os raposos foron os mellores gardiáns para as galiñas. Non deixa de sorprender que os aparatos dos partidos, case un laboratorio de análises e ensaios, tan especializados e hábiles manexando programas e control de redes, non vexan chegar un mihura desatado, pero detectan á primeira a sombra dunha bolboreta. Que a realidade non te estrague unha campaña multimedia e de inox.  

Ás veces ter demasiada presa fai que non cheguemos a ningunha parte.

Sabes? –Díxolle El– soño con poder recoñecernos ao longo dos afectos e habitarnos no fondo das memorias... con  conservar a verdade intacta e a soñada eternidade da voz que nunca cesa, contigo...

Das dobres linguaxes

Te puede interesar