O habitáculo chinés

Unha pantasma percorre Europa”, sonada expresión do Manifesto Comunista, escrita por Marx e Engels, que hoxe en día poderíamos aplicala, ampliada á totalidade da orbe terrestre, respecto do pesadelo que representa o desenvolvemento imparábel diso que é coñecido por Intelixencia Artificial; un xeito de utilización do potencial das máquinas de computación e das súas linguaxes de xestión, incluído os enigmáticos e as veces perversos algarismos de cálculo e programación diante de supostos e previsións, que están a mudar de modo radical moitos aspectos relevantes das sociedades humanas, especialmente no que atinxe ás taxas de desemprego, aos sistemas de benestar e igualdade ou da protección do dereito ao uso privado dos nosos datos que se ven afectados por unha instrumentalización ao servizo de lucro da gran empresa mercantil.

Por iso é comprensíbel a inquedanza, o debate e, tamén, o balbordo que crea o discurso arredor da maldade ou da bondade deste sistema de intelixencia non humana, artificial ou de computadora que, por inercia na denominación, emprega o concento de artificial dende fai sesenta anos, nun tempo aínda temperá para albiscar a evolución e crecemento que manifesta na actualidade coa que se está a cambiar a sociedade a un ritmo máis rápido do que probabelmente nos estamos a decatar, aínda que non sexa unha experiencia tan inédita nin única como a miúdo pode percibirse. De feito, outros avances como foron a linguaxe e a escritura, os xeitos de organizar as colectividades humanas, as telecomunicacións e mesmo a revolución industrial de máquinas e recursos enerxéticos, foron ampliando as capacidades das diferentes civilizacións, alteraron a economía mundial e transformaron a orde social; en xeral, aínda que non sempre e coa discriminación indiscutíbel de non poder ser aproveitada por todas as persoas, para mellorar.  

As tecnoloxías da información e da comunicación, e tamén a IA, melloran a capacidade de resolución significativa de problemas dos seres humanos sempre que se empreguen os mecanismos de control e regulación porque, na realidade, máquinas, programas e fórmulas de cálculo matemático non teñen capacidade de vida propia, alén do control das persoas que fornecen ao devandito trebello. Conclusión inapelábel que resulta do experimento mental  chamado “habitáculo chinés” que proba a limitación do aparello á execución dun proceso restrinxido ás instrucións dadas; contrario ao Test de Turing, base do paradigma que aventura a capacidade de aprendizaxe por si de máquinas e androides. Cousa temíbel, abofé.

O habitáculo chinés

Te puede interesar