ITALIA

Andiven días atrás por Italia acompañando a unha chea de adolescentes en flor. Dicíame unha dona ollando para eles admirativa: “Che potere di bellezza e gioventú!”. A mocidade, co seu plus tan envexable. E con eles fun parar a unha trattoria vaticana, onde o metro Ottaviano. O anfitrión (calco a palabra italiana para o encarregado) tivo o detalle de non cobrar a este “professore”, cousa que se agradece, polo xesto, polo tempo de crise que nos abruma, cando os prezos en Italia medraron moito desde o ano pasado.

Se cadra por iso dicía o anfitrión, ollando con melancolía para unha bandeira española que tiña detrás da barra, deixada por algún grupo: “Isto é o que nos vai quedando do seu país. ¿Onde os turistas españois, tan numerosos anos atrás?”. E eu respondín, diante da evidencia de que aquelas greis (ás veces hostes e aínda hordas) de compatriotas polo país da bota van minguando, que sen dúbida na casa.

Tanto que por primeira vez atopei aos gondoleiros de Venecia non só dispostos ao regateo senón dotados de amabilidade extrema. A que sempre aprezara en Rávena, tamén desta volta, e non soamente nos empregados do conxunto bizantino senón polas rúas da cidade italiana, se cadra, e xa son uns cantos anos a visitala, a máis cordial co foráneo. Ora, en xeral vin un dos meus países máis amados tristeiro, morriñento, e agora sen un Berlusconi (con ou sen bungabunga) de pallaso das labazadas. Así nós nestes días tan abafantes.

ITALIA

Te puede interesar