Agardando vida intelixente

|

O balbordo desatado entre científicos e astrónomos de sona, arredor dese artefacto que viaxa polo espazo cósmico, chamada “Oumuamua”, coa súa extensión no ámbito da comunicación planetaria trae á reflexión o devezo da especie humana por atopar vida intelixente fóra do noso cativo terreo estelar. A vista das decisións que se toman aquí, no ámbito político, xudicial e institucional, faltas do máis elemental sentidiño común, ese afán en procurar outros mundos que alumeen xustiza e sensatez é unha boa metáfora do desconcerto e do anoxo que producen entre a cidadanía. Aínda así, arredor do tal obxecto chegado de fóra do noso sistema solar existe unha lea, entre académicos internacionais, que ten o seu aquel de retranca e moita carga enigmática. 
Para comezar, neste asunto, non existe consenso algún se tratamos dun cometa, dun asteroide ou mesmo dos restos dunha nave alieníxena. Este obxecto con certa forma se puro habano, bautizado en hawaiano co alcume de “un mensaxeiro que chega dun pasado afastado”, está a xogar ás agachadas cos cálculos matemáticos dos técnicos da NASA. Por iso, visto por vez primeira dende os telescopios terrestres fai un ano e observado máis tarde dende o Hubble espacial, díxose que pola traxectoria debería poder ollarse no mes de Xuño pasado, porén o tal Oumuamua non deu a cara; e tampouco en momento algún dos meses que seguiron ata o dia de hoxe. Máis aínda, os observadores perderon todo control da súa andaina polo universo próximo.
O devandito corpo estelar, orixinario da Constelación de Lira, desconcerta tamén pola súa forma de navegar polo espazo cósmico. Unha vez entrou no sistema solar, no canto de sentirse atraído polo efecto da gravidade producida polo Sol, en troque impulsouse na dirección contraria e acelerou o ritmo. Efecto da expulsión de gases para uns, e demostración indiscutible para   recoñecidos astrónomos da Universidade de Harvard que ven nese aspecto a proba definitiva de tratarse dun vehículo doutra civilización ou de parte del. Un xeito de vela cósmica errante. 
Pendente unha nova constatación visual, se o tal Oumuamua quere darse a ver, vai ser que desta non atoparemos auxilio exótico fóra da Vía Láctea para os nosos problemas de intelixencia; mellor dito, da súa falta na toma de decisión nas cousas que nos afectan a especie humana. Vai resultar que o día que cheguen seres extraterrestres non exista dirección terrestre á que podan dirixirse.

Agardando vida intelixente