De vítimas e violencias

|

No ano 1956, Max Aub publicaba os seus Crimes Exemplares: “Mateina porque non era miña”. Ou, Mateina porque era de Vinaroz”.. son exemplos dunha obra que, baixo o formato de (falsas) inculpacións ante o xuíz, resalta feitos descontextualizados, sen concesións á moral e cunha linguaxe sen emocións e friamente cínica e burlona. Hoxe, cando atopo estes textos non podo evitar unha sensación de transgresión excesiva, dun cinismo descarnado, e dunha banalización dramática de cousas que doen demasiado.
Eu milito na convicción de que é indecente soportar a violencia e o asasinato de mulleres como se fora algo alleo a nosa realidade. É intolerable que un país asista, un día si e outro tamén, ao drama das mortes por violencia de xénero sen revisar ata a última coma das estratexias de prevención, planificación e control de actitudes, denuncias e sentencias. E sen poñer en marcha novas liñas de actuación que incidan na formación, na prevención, na igualdade, na tolerancia e no respecto entre o home e a muller. Faise insoportable que cada poucos días haxa que convocar, acudir e pedir que non haxa nin unha vítima máis. E levamos máis de 800 tan só nun puñado de anos.
Nada xustifica que de súpeto haxa unha proliferación inusitada de machos alfa, que se consideran en posesión do dereito de xulgar e actuar contra quen decide pasar páxina, despois de ter aturado carros e carretas de vexacións e oprobios. Resulta inexplicable, que haxa redución de peticións de condena coas impactantes imaxes gravadas que demostran, por unha parte, a violencia brutal exercida, pero tamén que, desgraciadamente, semella ser unha práctica recorrente... Queda moito camiño aínda, pero necesariamente temos que recorrelo tod@s xunt@s.

De vítimas e violencias