Seleccións nacionais
A tripla coroa acadada pola selección española de fútbol constituiu o meirande suceso dunha equipa de selección de todos os tempos. A xeira principiada no 2008 ofreceunos unha equipa moi conxuntada, que desenvolve un extraordinario xogo colectivo baseándose no esquema do Barça de Guardiola e alicerzándose nos tres “p” (posesión, presión e profundidade no pase), malia que o estilo de Vicente del Bosque dea un produto máis efectivo ca efectista, máis eficiente ca “jogo bonito”.
Hai lugar,pois,para a ledicia, malia que non partillen xogadores galegos desta equipa e os evidentes esforzos por agachar a incompetencia dos Gobernos Rajoy e Feijóo a conta do rebumbio do trunfo na Eurocopa. Outra caste de reaccións ou sentimentos sería propia de mentalidades negativizadas ou profetas do non,aínda que só fose por razón de proximidade mental, boa veciñanza ou polo discreto movemento económico que estes acontecementos xeran na contorna. Isto non prexudica o dereito lexítimo que Galicia ten para partillar, coas súas equipas absolutas, toda caste de competicións internacionais deportivas. Non existe, no caso do fútbol, norma xurídica internacional, europea nin española que prohíba a participación da selección galega na fase limiar dos vindeiros Mundial e Eurocopa. Non, simplesmente a FIFA dalles dereito de veto ás Federacións estatais para impedir que participen as equipas das nacións sen Estado ou territorios do seu ámbito. E a Federación española de fúttbol decidiu que Galicia, Euskadi e Catalunya non poidan participar en competición internacional ningunha na que participe España como tal.
É,pois, un veto abusivo,mais tamén medoñento. Porque a Federación Galega podería decidir, unha vez levantado, non participar directamente e acollerse ao pavillón español para participar internacionalmente.
Pois logo, porqué a Federación española non lle da a voz decisoria ás Federacións nacionais galega, vasca e catalá nesta cuestión? Ao mellor a moitos lles interesa ficar como estamos. Mais temos dereito a decidilo por nós propios.
A ARRINCADEIRA.
Rajoy non é quén de comparecer perante a opinión pública para explicar a súa política. A que ven, logo, a Santiago? A pechar un culebrón?
