Clima laboral bancario

convocados polo sindicalismo galego, multitude de persoas que desenvolven o seu traballo no sector financeiro, nomeadamente no ámbito bancario do país, percorrerán a rúas compostelás para expresar a súa demanda dunha intervención da autoridade laboral para forzar ás empresas deste mundo dos negocios ao cumprimento efectivo do mandato legal que impón o rexistro do horario de traballo, aspecto inconcibibelmente non cumprido por entidades sobradas de capacidade tecnolóxica e organizativa para facelo, porén amparadas por unha intolerábel moratoria na obriga dunha actuación que, pola contra, está a esixirse na mediana empresa.
Certo é que o non cumprimento; e dicir; o descarado incumprimento, deste mandato legal é unha operación calculada para perpetuar ou cando menos branquear culturalmente unha situación insoportábel que afecta ao conxunto do cadro de persoal destas entidades afeitas a forzar, cunha enxeñaría engraxada con incentivos económicos de percepción incerta, ao seu cadro de persoal na realización dunha prolongación abusiva da xornada laboral que representa, cando menos, unha tripla consecuencia fraudulenta. No ámbito social, por impedir unha bolsa importante de creación de emprego para unha clase traballadora que soporta cifras de paro superiores ao quince por cento, de preto a metade da poboación moza demandante dunha primeira oportunidade para traballar por un salario en condicións dignas. Súmalle, unha fraude á caixa de recursos da Seguridade Social ao tratarse de horas realmente traballadas como extraordinarias, alén das fixadas no convenio sectorial, porén non cotizas. Finalmente, ao tratarse dunha retribución furtada, tampouco presta tributación. É, pois, unha situación que transcende ao laboral.
Estamos diante dun problema que afecta, e interesa resolver, a toda a sociedade farta da tolerancia que, gobernos e institucións laborais, adoptan resolver mirando de esguello diante dun grupo de presión económico afeito a facer táboa rasa das normas que noutros ámbitos empresarias son impostas con rigor. Daquela non é de estrañar que continúen a darse malas practicas na comercialización de produtos complexos que por directiva europea precisan dunha máis coidada protección da clientela; exclusión de colectivos que se ven afectados pola política de redución de oficinas bancarias que afecta xa a un terzo dos concellos galegos; polo desprezo á utilización do idioma galego na relación coa sociedade na que operan ou pola evidencia dunha fenda salarial media que amosa unha inxusta discriminación para as mulleres do sector. Por iso, a mobilización das e dos bancarios é necesaria, xusta e útil para toda a cidadanía.

Clima laboral bancario

Te puede interesar