Xosé M. Méndez, na Fundación Venancio Salcines

|

Xosé Manuel Méndez Rodríguez (Pitelos - Santiago de Compostela, 1956) é un artista polifacético e de amplísima cultura, que cultivou  pintura,  escultura, fotografía, audiovisual, cine, teatro, entre outros . Coa súa mostra actual “Ovo voandeiro”, na Fundación Venancio Salcines de Oleiros, da renda solta a súa fecunda imaxinación e desenvolve todo un universo alegórico arredor da forma universal do ovo que, amén de dar conta da vida, lle serve para falar das aspiracións eternas do ser humán situado entre as súas raiceiras terrestres e os anceios de ascenso cara outras dimensións. 

O ovo convértese así nun símbolo de eterna creación e de continua metamorfose transformadora; de maneira  que o mesmo pode ser un seo vivíparo, un lugar para o xestación do andróxino, unha casa ergueita no ar, un artiluxio voador , ou unha estación espacial. A veces, representa un proxecto de arquitectura  fantástica, como no  cadro “En obras”, onde, no centro dun recinto circular, se erguen os muros ovulares dunha especie de casa cósmica sobre un  pedestal que parece feito de luz dourada; tras dela está o infinito espazo azul facendo acenos. 

“Aperta” semella un ouni metálico gris que voa, en fero contraste, sobre unha paisaxe galega con hórreo e está configurado pola parella humana, baixo cuxos brazos figura unha portiña con forma de vaxina. “Ovo navegante” diríase unha réplica dos globos aerostáticos. “Grecovo” é outro fantásticio globo voador que vai rematado nada menos que polo Partenón grego. Hai obras de fondo significado metafísico, como “Agardando na Salvora”, na que se ve a unha moza que, sentada sobre un vehículo negro con forma de escarabello, agarda na beira dunha paisaxe mariña; tras dela hai un fondo burato negro que evoca a entrada do inferno dantesto, arriba, no luminoso azul, flota un globo aerostático, tamén azul, e outros pérdense no lonxe; a lectura que se sigue é a da eterna ambivalencia entre as chamadas ctónico-telúricas e as celestes nas que nos debatemos. Semellante lectura  se sigue do cadro SANZMONIZ que presenta unha zona rocosa con buratos abertos ás profundidades, na beira dun camiño marítimo de luz sobre o que voaxa unha  nave voante. 

En “Geopolis” fai levitar a dura e pesada pedra para construir un lugar utópico rematado en blanca pirámide. A alusión á terra xeneratriz, a eterna nai, está presente na escultura GAIA, na que a figura dunha muller vai encerrada no seo dun ovo arborescente. En “A chegada ao retorno”, a pitagórica música das esferas voa polo ar convertida nunha zanfona rematada por unha cúpula e un peixe. 

En “Sometendo a traxedia”, un homiño ergue  unha bandeira no pico dun ovo turquesa con forma de coronavirus  apreixado por tiras dun globo de plástico; visión traxicómica do pesadelo da pandemia. X. M. Méndez ten a sabedoría de amosarnos a nosa eterna dualidade  entre a luz e as tebras, entre as pulsións patéticas do noso corpo de terra e as ansias espirituais de elevación  e faino cunha inspirada linguaxe surrealista non exenta de socrática e galega ironía.

Xosé M. Méndez, na Fundación Venancio Salcines