MARCA GALICIA VS. MARCA ESPAÑA

O2014 comeza co máis baixo recoñecemento internacional da Marca España: a Monarquía atinxida por un escándalo de lavado de capitais e malversación de cartos públicos, Sacyr chantaxeando á Autoridade da Canle de Panamá para obter o tan español “reformado” despois de eliminar á competencia internacional cunha oferta temeraria ou un Ministerio de Industria que subvenciona en 1300 M€ á REE para potenciar o transporte da enerxía no canto da produción e autoconsumo, como recomendan os expertos internacionais.
A Marca España identifícase co capitalismo castizo do BOE, condenado ao fracaso como todos os capitalismos que non respectan dúas liñas vermellas: a cohesión social e a libre concorrencia. Rajoy, como bó rexistrador da propiedade, acredita máis nos aranceis, nos basculeiros e nos listeiros ca na innovación e competencia. Mentres Madrid, cun 20% do PIB estatal, duplica o nível que por economía produtiva habería acadar. Velaí a Marca España.
Diante desta catástrofe, é absurdo subordinar a Marca Galicia a esta decadente referencia. Como tamén confrontala. O máis intelixente é facer marca propia, de noso. Porque Galicia é coñecida no ámbito europeo, latinoamericano e, potencialmente, lusófono, sobardando con moito os 500 millóns de persoas de público obxectivo que reside nos espazos territoriais que coñecen o noso país no mundo. E desfrutamos de elementos referenciais tan sobranceiros como o Camiño de Santiago, a mesta rede de centros galegos no exterior, Inditex, as Rías Baixas ou o Deportivo, canda unha marca Galicia Calidade, potente no que atinxe ao sector agroindustrial e ao complexo mar-industria e que precisaría da súa referenciación sobranceira no complexo monte-industria, nas novas tecnoloxías agrogandeiras e acuícolas, no téxtil e nas tecnoloxías da información e comunicación.
Galicia ten vocación portuaria, ponte entre América e Europa e atópase xusto a carón da principal autoestrada do mundo, que dende London, a desembocadura do Rhin e a área do Ruhr amorea máis do 20% do PIB europeo. Unha caste de Quinta Avenida de New York fronte á que Madrid e o centro do Estado constitúen algo semellante ao Bronx. Aínda seremos quén a dubidar cara onde temos que ollar?

MARCA GALICIA VS. MARCA ESPAÑA

Te puede interesar