Algo está pasando en Irán, cando menos é evidente que existe unha mudanza na linguaxe en relación cos Estados Unidos (USA) e Israel. O novo presidente Rouhani procura evitar as tensións e non darlle escusas a Netanyahu para un ataque contra o territorio persa (un tema no que tanto teima o presidente de Israel). Este cambio de actitude non lle gustou aos falcóns hebreos, e tampouco que se abriran portas ao diálogo con Washington, xa que o escenario da confrontación dáballe un apoio ilimitado dos Estados Unidos, incluído o de pechar os ollos á apropiación de terras nos territorios ocupados e á represión sobre a poboación civil palestina.
Este novo contexto nas relacións entre o Irán e os USA, así como como evitar o bombardeo de varias potencias da OTAN sobre Siria, marcan unha viraxe importante nun conflito que estivo a punto de estoupar. Agora o importante é saber se esta viraxe se consolida, ou só é unha situación conxuntural, coa que algunha das partes, ou todas elas, pretenden gañar tempo. Polo momento a acumulación de barcos de guerra norteamericanos e doutros países da OTAN fronte as costas sirias segue no lugar.
Hai quen manexa a hipótese de que se evitou unha confrontación militar máis ampla, inmediata ou a curto prazo, na que poderían participar as grandes potencias nucleares. É difícil sabelo, o certo é que algo pasou durante eses días, e que non foi precisamente a oposición da poboación dos Estados Unidos, Francia e o Reino Unido a un ataque o que fixo mudar as decisións previas.
Que o secretario das Nacións Unidas e o papa chamaran alarmados á calma dá que pensar. Outros especulan coa oposición do Congreso norteamericano, e que Rusia facilitou unha saída digna a Obama, que lle outorga a Putin un papel destacado na loita polo diálogo e a paz. Agora ben, para alén de cales foron as razóns reais para restar presión á situación, era o único camiño posíbel, para evitar xogarse na ruleta o futuro da humanidade. E na construción deste cambio os países occidentais deben reflexionar sobre as consecuencias da intervención militar en Afganistán, Iraq, Libia, e o envío de armas e mercenarios contra Siria.