Alcoa e a recentralización económica

A decisión da multinacional Alcoa de pechar a súa factoría d’A Coruña adóptase pola grande sobrecapacidade produtiva na China (auténtico dumping desleal) e pola falla total de investimentos nos últimos anos na factoría coruñesa. Porén, certo é que a tarifa eléctrica que grava ás industrias e consumidores galegos constitúe un auténtico despoxo patrimonial propio de pretéritas estruturas coloniais, malia os remendos dunha poxa de ininterrompibilidade que fica lonxe das posibilidades  de moitas outras industrias, como  Megasa, que pagan cantidades astronómicas pola enerxía e non poden concorrer con avantaxe a esta  caste de poxas.
Mais case ninguén relaciona este peche co bloqueo sofrido polo autogoberno económico do País. Porque o Estatuto de Galicia, no marco do sistema dunha economía mixta de mercado, atribuílle ao Poder Galego a competencia exclusiva na xestión do sector público autonómico e máis a participación no goberno e administración das empresas públicas estatais operantes en Galicia que non fosen legalmente transferíbeis. Velaí o deseño constitucional dun sector público autonómico con vocación de abranguer ou, polo menos participar no sector público estatal operante en Galicia.
 Porén, os sucesivos gobernos estatais bloquearon este –e moitos outros– preceptos estatutarios. Cando a SEPI estatal vendeulle Inespal a Alcoa no 1998  por só 400 M USD, o Goberno galego de Fraga nin quixo nin puido oporse eficazmente a este malbaratamento patrimonial. Vendéronse moitas outras empresas no último goberno de Felipe González (1993-1996) e primeiro de Aznar (1996-2000), case sempre a prol dunha elite estatal  extractiva, núcleo do capitalismo castizo de amiguetes ou do BOE que domina arestora os sectores regulados do IBEX 35.
A operación de recentralización económica completouse coa liquidación das Caixas e, de vez, das competencias estatutarias galegas sobre estas entidades fundacionais de base social e, xa que logo, de propiedade colectiva e non privada. A desmontaxe dos sectores público e financeiro galegos ten empobrecido substancialmente o País no beneficio dese capitalismo estatal de amiguetes, ao tempo que reduciu moi substancialmente a compoñente social ou mixta dunha economía de mercado que está a se converter abertamente en sociedade de mercado. O autogoberno  é garantia de benestar e  a recentralización é un camiño cara ao empobrecemento.

Alcoa e a recentralización económica

Te puede interesar