Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Alcalde, deputado provincial e membro do consello de administración dunha antiga caixa de aforros son cargos que aínda se poden ver acumulados en territorio galaico por algún profesional de política, destes que levan no partido desde os quince anos sen outro oficio coñecido que o de sentar en escanos a velas vir. A crise e aquilo do reparto do traballo fixo que algúns até se repartisen pola metade a lexislatura para cobrar do erario un bo soldo.

Por desgraza ou afortunadamente a cadeira, e o salario de asistencia, das caixas de aforros vai camiño de desaparecer para algún, pero é de agardar que sexa lento, como se fan os procesos de extinción de organismos públicos. Un destes asistentes defendía a pedradas a función da unificada entidade de aforros unicamente polas axudas de custo que percibía por acudir a unha sesión de aplausos á xunta directiva. Queda pendente a reforma da Administración local para deixar no paro a catro ou cinco políticos profesionais.

Este é o momento de reformar o Estado e acometer desde a Xunta unha redución do tramado que se foi creando nas diferentes administracións. E hai que ter o valor de facelo, independentemente do custo electoral que supoña para o partido que dea o paso. Non ten sentido que o Goberno galego se lance un día a fusionar concellos e ao seguinte se asine un acordo para darlle máis poder ás deputacións. Tampouco se comprende que se vaian disolver as mancomunidades de municipios e se potencien as áreas metropolitanas, cando desde a capital do Reino xa se estuda deixar na metade o número de autarquías galaicas.

Coas autonómicas á volta de calquera mes, é de supoñer que nin desde Madrid ni Santiago se van facer grandes reformas no ámbito local, sobre todo pola fuga de votantes asalariados nos organismos provinciais. A Deputación de Ourense compite coas grandes multinacionais en número de empregados até ser a principal industria e fonte de ingresos de centos de familias. Non se pode modernizar un país cando máis da metade dos seus cidadáns son traballadores do Estado.

O conxunto do corpo electoral galaico verémonos agora obrigados a pagar até varias veces ao día o custo da Administración desde que saímos da cama pola mañá. A isto os políticos chámanlle realizar un esforzo adicional, que vén sendo como o ti paga, que xa cobrarás despois. Para realizar unha suma son necesarias dúas cantidades como mínimo, pero cando aos cidadáns se lles piden máis sacrificios non se fala de operacións numéricas, senón de supervivencia, o que se coñece como chegar a fin de mes con algo de superávit.