A imposibilidade

|

Descoñezo se houbo ou non boa vontade. Incluso, se houbo intención manifesta e real de chegar a acordar algo por todos ou algúns grupos. Pero o resultado tozudo e terco é que foi imposible pactar para formar goberno. As veces, non hai peor cuña ca da mesma madeira. Os máis próximos entre si tenden a manter unha equidistancia que leva a que esa mínima distancia nunca acabe por reducirse e semelle como se fora un abismo imposible de sortear. 
Unha oportunidade perdida de inaugurar novos modos, de establecer pactos tal e como a cidadanía demandaba. Non pretendo buscar culpables. Penso que hoxe todos perdemos. Todos deixaron fuxir unha posibilidade de facer cribles eses discursos vellos de que estamos nun tempo diferente, con plantexamentos diferentes. Nestas dúas votacións o que chegou á cidadanía foi que os grupos non quixeron poñerse de acordo. Ou que non tiveron nin a altura nin a capacidade de acordar un programa mínimo beneficioso para todos. 
Se coincidimos todos no diagnóstico dos males das políticas do PP como non foi posible coincidir nas medidas para poñer en marcha un tempo novo? Non hai que fundirse uns cos outros, nin coincidir ao cento por cento. Só era preciso deixar os protagonismos excesivos, os discursos excesivamente grosos e aplicarse en definir e formar equipos con aqueles que querían un cambio. Non puido ser. A oportunidade foise co vento. Agora toca desandar o andado e agardar a que chegue xuño. De verdade, era necesario?

A imposibilidade