Felices festas!

Dende a última vez que vos felicitei as Pascuas pasaron, ¡coma un lóstrego! doce meses. Durante eles faleivos de actualidade e de vivencias persoais que van e veñen polo meu maxín. Non se me oculta que algúns destes meus apuntes non son do gusto de todos, depende da cor do cristal con que se miren, eu non pretendo ser oráculo da nada.

O que si quero dicir é que podedes ter a seguridade de que nunca é a miña intención amolar a ninguén e de que sempre procuro ser discreto e comedido nas miñas opinións e mesmo no meu trato coa xente. É por iso polo que esixo un pouco de respecto do mesmo xeito que eu respecto aos que non pensan coma min.

Con maior ou menor acerto faleivos ao longo deste ano que está a piques de rematar: dos políticos pais da patria. Dos amigos idos para sempre aos que dedico dende estas liñas un recordo emocionado. Da antiga Bazán. Da falta de traballo e do perigo que implica unha inactividade forzosa que se podería paliar coa construción dun novo e máis moderno LHD e mesmo adiantando a contratación da primeira Fragata F-110. Das obras do Concello que constitúen unha historia interminable. Do fútbol, dos futboleiros, e dos cartos indecentes que lles pagan... Da crise que non cesa con invocación final a Virxe do Carme para que nos de-lo vento en popa que boa falta nos fai.

Da incivil guerra do 36. Da corrupción galopante. Da miña maior devoción, e preocupación, que son as miñas catro netas Chen, Cande, Iulia e Hanna. Coa que está caendo aí fóra non lle vexo un futuro moi doado a nosa xuventude, pero como estamos en Nadal, deámoslle unha xeira á esperanza. Da s eleccións xerais reafirmándome de novo co que dixen entón, os experimentos con gaseosa, por aquelo de que máis vale malo coñecido...

O Nadal é tempo para recordar. Non podo esquecer, non esquecerei nunca, aos meus moi queridos pais, irmán e avós que están a miúdo no meu pensamento e sempre no meu corazón. Non sei o que me terá reservado o novo ano. Mentres teña folgos seguirei aportando o meu gran de area, sempre sinxelo e desinteresado. A achegados, lectores e amigos, ¡Felices festas e unha aperta forte!

Felices festas!

Te puede interesar