IANQUIZAR A UNIÓN EUROPEA

Segundo información aparecida nos medios vanse iniciar conversas entre a Unión Europea e os Estados Unidos para asinar un tratado de libre comercio e investimento. É sen dúbida un tema de enorme transcendencia, con consecuencias no eido económico, social, cultural e xeoestratéxico. Uns datos previos a unha rápida análise do tema. O comercio de Galiza cos Estados Unidos representaba no ano 2011 o 2,14% das exportacións e o 3,2% das importacións.

Non tiñamos uns intercambios significativos, porén importabamos máis (451 millóns de euros) que exportabamos (369 millóns). É dicir, as relacións comerciais eran negativas para o noso país. A eliminación de aranceis intensificará esta tendencia, como sucedeu coa Nafta, a área de libre comercio entre os Estados Unidos, Canadá e México. Porén, ademais das relacións comerciais non se pode ignorar a incidencia no ámbito cultural desta potencia hexemónica, a través das series televisivas, o cine, o control de internet e as axencias de información.

No ámbito exclusivamente comercial, tendo en consideración que os Estados Unidos son a maior produtora e exportadora de alimentos, o acordo tería unhas consecuencias desastrosas a medio prazo para o sector na Galiza. Lembremos que agricultura e gandería son estratéxicos para a nosa economía, para alén da reducida poboación ocupada nesta actividade no momento actual.

Tampouco se pode ignorar que o acordo atará aínda máis a UE á xeopolítica norteamericana, á solución violenta dos conflitos internacionais, e á confrontación coas potencias emerxentes (China, Rusia, India, Brasil, etc.). Na práctica acelerarase o proceso de ianquizacion da sociedade, e será un punto de non retorno na hipótese de que a UE debe ser un proxecto alternativo. En realidade os pasos dados no proceso de construción nunca foron por este camiño.

Con este tratado repetirase o que xa sucedeu no seu momento coa plena integración da economía galega na do Estado español, e despois na da Unión Europea. Con cada un destes pasos impúxose un estadio máis alto de concentración e centralización da economía e do poder, e un aumento da dependencia e da colonización.

IANQUIZAR A UNIÓN EUROPEA

Te puede interesar