De iluminados e soberbios

Non podemos dicir que realmente sorprenda o feito de que os seguidores de Trump puideran cometer calquera barbaridade, incluso de que asaltasen o Capitolio de Washinghton. Levaban demasiados anos xogando con lume, como para non causar incendios incontrolados na menor oportunidade. Foi un episodio vergoñento, unhas horas que quedarán na Historia e que derrubará por moito tempo a imaxe global dun pais que foi o abandeirado e o sólido  garante da democracia no mundo. Sorprende que personaxes de tan escasa altura intelectual e moral coma Trump, poidan chegar a postos de tamaña responsabilidade. Porque iso significa que centos de cargos intermedios, altos e moi altos cargos do Partido Republicano lle deron apoio, amparo e proxección. Moitos vían as evidencias, escoitaban as súas imprecacións, descubrían a ilóxica irracional das súas arroutadas, saben das súas ilegalidades, pero igualmente miraban para outro lado e aplaudían. Sorprende neste golpe, a facilidade coa que executaron o plan. Descoñecemos con que axuda contaron, pero non é explicable que o centro político dos EEUU non estivera blindado ante tan explícitas ameazas. Demasiado doado e demasiado anunciado como para pasar desapercibido. Pertencen ao club dos que se creen intocables, dos conspiranoicos que sempre negan o evidente. Son dos que   denigran con mentiras aos rivais e que rematan por botar un misto onde previamente espallaron gasolina. Non sei porqué mentres observaba atónito as imaxes do oprobio indigno á sede da soberanía popular, o tema do boss, Bruce Spingsteen, Born in the USA veu á miña cabeza. Esa mesma melancolía do desencanto e da vida  sen horizonte dos desencantados, podería ser a banda sonora desa serie de personaxes que semellaran escapados dun catálogo de impactos. Sabiamos xa que América para Trump, nunca fora the first. Gardo palabras que coñecen o perfil sinuoso dos teus beizos –dixo El– e afectacións tan íntimas que elevan santuarios perennes de sentidos...

De iluminados e soberbios

Te puede interesar