SCOTLAND THE BRAVE

Case 4,3 millóns de escoceses tiñan dereito a votar onte a súa independencia. O dereito a voto extendeuse a todos os británicos ou cidadáns dun Estado da UE ou da Commonwealth con máis de tres anos de residencia, entre eles centos de galegos. De feito, malia que catorce das últimas dezaseis enquisas déronlle avantaxe ao NO a falla de precedentes, o elevado rexistro electoral e o número de novos electores danlle aos resultados un elevado grao de incerteza.
A campaña do YES SCOTLAND, que promoveu o voto a prol da independencia, gañou na rúa. O mércores nos Meadows, a carón da Universidade de Edinburgh, xuntaron varios milleiros de xeito espontáneo, a medio das redes sociais. Desta volta quixeron amosar o apoio doutros países á decisión escocesa e falaron representantes de Galicia, Euskadi, Catalunya, Gales, Bretaña, Quebec, Nova Guiné-Papúa, Francia, Polonia, Alemania e Cachemira. Partillou xente de toda caste, con elevada participación de mozos, mulleres e residentes de orixe non escocesa.
Poderíase dicir que o first minister Salmond e a viceprimeira ministra, Nicola Stugeon, xa gañaron, pois que foron quén de chegar a onte con este grao de incerteza e porque obtiveron xa unha substancial ampliación do autogoberno, como xa ofreceron Miliband, Cameron e Clegg no nome dos tres principais partidos británicos. Mais quizais as cousas non sexan tan doadas. Esta ampliación da devolution non lle permitiría a Escocia administrar o petróleo do mar do Norte. Por outra banda, é sabido que na política non existen as derrotas doces. Unha derrota pola mínima do YES adiaría doce ou quince anos a convocatoria doutro referéndum e podería xerar certa frustración na cidadanía. De calquera xeito, a popularidade de Salmond e Stugeon non semella discutíbel, malia certas prevencións a respecto do primeiro das bases laboristas.
Porque a chave desta consulta son os tradicionais votantes do Labour Party, fondamente decepcionados coa terceira vía dos antigos prime ministers Tony Blair e o escocés Gordon Brown, voceiro da campaña unionista  Better Together. Máis dunha terceira parte recoñeceron que votarían afirmativamente e fontes oficiosas do SNP recoñeceron que se esta porcentaxe acadara o 40% o YES podería gañar. Moitos destes milleiros de escoceses laboristas ollan con desconfianza a Salmond e ao SNP, por non partillar a visión nacionalista nin, ao cento por cento, as súas fórmulas económicas de centroesquerda. Mais acreditan que a independencia daralle oportunidade aos socialistas escoceses de refacer un espazo laborista que sexa quén de lle desputar, a medio prazo, a hexemonía política aos nacionalistas.
De calquera xeito, a resposta terémola hoxe, venres, ben cediño.

SCOTLAND THE BRAVE

Te puede interesar