Grazas

Cando me comunicaron o mércores a morte de Pilar Valiño non puiden deixar de pensar no que significou para min e para esta cidade. Baixei polas mesmas escaleiras que a viron desfilar durante máis de 20 anos cargada con papeis e ideas na cabeza que non podían esperar e pensei que precisamente por xente coma ela estaba baixando eu tamén pola mesma estrutura de madeira cunha chea de documentos para revisar.  
O mundo necesita de mulleres coma ela, de sorriso perenne e convicción firme, que comezou a traballar de moi nova na factoría de Pesquerías Españolas del Bacalao (Pebsa), onde non quedou atrás. Nunca calou e traballou para que as condicións da clase obreira mellorasen, que se nos tivese en conta e que non se subestimase o noso. Loitou militando na UXT, sendo un puño en alto para que as necesidades e demandas chegasen e non caesen en saco roto, algo, por outra parte, que era inevitable no momento en que lle tocou vivir. Pese a todo, non se derrubou e construíu unha base de loita desde a sombra. Cando a democracia nos volveu dar liberdade, a de Oza dos Ríos non dubidou en alistarse nun partido que tivo a gran sorte de contar con ela durante 28 anos. 
O socialismo figurou algo máis que no seu carné. Entrou no Concello cando ninguén quería ser edil e o sistema aínda titubeaba. A xente desconfiaba de que a ditadura estivese derrocada de todo, pero ela non tiña tempo que perder e comezou aquí a súa defensa polos traballadores e, en especial, polas traballadoras, coas que compartiu moitas xornadas na fábrica de peixe. A súa pelexa durou nada menos que sete mandatos. Daquela, contaba que os plenos si que eran debates porque había polo menos dez forzas diferentes representadas. Pilar Valiño foi concelleira da Corporación coruñesa nas primeiras eleccións municipais democráticas realizadas en abril de 1979. Púxose á fronte das áreas de Mercados, Comercio Tradicional e Servizos Sociais e non aparcou os seus principios ata que marchou fisicamente do Concello porque, en realidade, nunca marchou. Tampouco agora. As persoas que marcan teñen ese don de estar en vida e tamén cando morren. Non desaparecen. De aí que o xoves estivese moi presente no pleno ordinario. Ela foi e será exemplo para todas e todos, indiferentemente da cor política que se teña, polo seu compromiso firme e espírito de loita. En 2008, a nosa compañeira recibiu a Medalla de Ouro ao Mérito polo traballo. Ela dixo entón que se sentía satisfeita co feito. Houbo noites, ao primeiro, nas que Pilar Valiño non durmía porque as reunións eran clandestinas. De feito, houbo unha época na que foi vixiada pola Policía político-social. Ninguén foi quen de detela na súa carreira para que se respectasen os dereitos das persoas traballadoras, esas que hoxe tamén a choran. Coma todos nós.

Grazas

Te puede interesar