Do prescindible

eran os Sirex, creo, aqueles que cantaban que de ter unha vasoira cantas cousas vasoirarían. Cunha revisión tecnoloxíca axeitada e con vasoiras amplas e multifuncionais poderíamos aplicarnos a eliminar actitudes, que tan só estorban, danan e que volven a recuperar modelos que veñen de tempos xa idos.
Hai posicionamentos rancios de superioridades de homes sobre mulleres e defensas numantinas de privilexios que nin se xustifican nin se sosteñen. Linguaxes inapropiadas, frívolas e cargadas dunha utilización da imaxe da muller interesada e sexualizada.
Non todo nin a tod@s se lles mide coa mesma vara de medir. Algúns discursos amparan e comparten, por acción ou omisión, un amplo descoñecemento da realidade social e da verdade das cousas -como aquela desafortunada afirmación do cambio climático do famoso primo de Rajoy- e que o único polo que destacan é polo seu anacranonismo e trasnoitada ideoloxía.
Hai moitas afirmacións que soan ridículas e son a base de actitudes que rematan sementando discriminación, sexismo e violencia. Desgraciadamente, tamén sentenzas que son esperpénticas e propias de razoamentos aos que lle faltan dous ou tres fervores.
Seguen a ser necesarias leis e campañas que poñan o foco nunha realidade que a moitos aínda se lle escapa. Loitar pola igualdade social e laboral, non só é xusto e necesario, incluso é un deber cívico seguir esixindo iguais salarios polos mesmos traballos, e que o acceso aos postos de dirección sexa por capacidade e non por testosteronas.
O coñecemento non sabemos se ocupará lugar, pero estamos certos de que non é cuestión de sexos.
Ti habitas espazos que tenden á tenrura –dixo El– que chegan coa mornura dun sorriso e colonizan afectos mar adentro do alma que te sinte… contigo ata a nostalxia ou a ferida ampla, ten sentido…

Do prescindible

Te puede interesar