Efeméride patriótica centenaria

|

erra, substantivo feminino, entre a decena de acepcións do seu significado lingüístico apenas ten unha que se relaciona co “territorio de onde unha persoa é natural”  porén, malia esta limitación, foi unha forma frecuente de identificar a identidade nacional de Galiza para o galeguismo, precursor do actual movemento nacionalista galego, e aínda tamén para a iconografía dos seus precursores que construíron arredor da condición afectiva das nais o seu fervor amoroso pola identidade propia pegada aos valores do berce, simplificada no lema común: Terra, a Nosa. 
Velaquí unha das razóns polas que as Irmandades da Fala, na II Asemblea Nacionalista celebrada en Compostela, acordaron conmemorar cada 25 de xullo, o Día da Patria Galega, unha data de exaltación nacional galega “para cantos senten e teñen idea da propia estimación, para quen o amor de nai e a realidade máis viva e máis sacra, ese santo día representará o principio da fin de tanto tempo desexado polos verdadeiros galegos. Nel comezará unha nova vida na que a cruzada dos pobos traballadores para os que acadar a liberdade de traballar e a súa soberanía nacional non sexan impedidas polas vampiresas oligarquías centralistas”; xénese dunha manifestación patriótica que comezou a facerse presente nas rúas e prazas do país a partir de 1920 nunha traxectoria centenaria rota, en diferentes momentos súa andaina histórica, polas etapas de ditadura militar e política, finalmente recuperada para fixar a icona gráfica do seu centro neurálxico na compostelá Praza da Quintana, quilómetro cero do movemento nacionalista socialmente máis relevante, o actual Bloque Nacionalista Galego, tamén simbólico e histórico lugar republicano do mítico Mitin das Arengas do Partido Galeguista, palco de reclamación de mellores condicións de vida e traballo só posíbeis nun contexto de soberanía política do propio, expresado por Castelao nun artigo de A Nosa Terra, “Primeiro ser, despois trunfar”, porque “aquel que non teña fe absoluta nas virtudes, en potencia, do noso pobo, non ten dereito a galvanizalo con promesas electorais e transitorias. Nós temos fe no noso e moi longo o noso pobo terá fe en nós”.
Memoria dun percorrido que trae ao coñecemento útil e para divulgación pública unha certeira publicación da Fundación Galiza Sempre que distribuirán na celebración expansiva que por mor da pandemia sanitaria verá espallada polas sete cidades galegas a exaltación da “patria”, verba feminina que indica a “nación á que se ten o sentimento de pertencer”. 

Efeméride patriótica centenaria