“Dentro do tempo”, de Alfonso Costa

|

Pazo de Fonseca de Santiago ofrece a mostra “Dentro do tempo” de Alfonso Costa ( Noia, 1943), un dos nosos máis fértiles e prodixiosos artistas, que, dende os seus inicios plásticos na década do 60, viaxou libremente por todas as formas de expresión: impresionismo, cubismo, surrealismo, realismo máxico, neofiguración, abstracción... ou, máis ben, tomando de cada un deles os aspectos que máis se axeitaban  á súa poderosa e inclasificable creatividade, á que adveñen craturas de todos os tipos e relatos de todos os tempos, mesmo de incógnitas latitudes, enriquecidos semánticamente por unha buscada ambigüedade. 
Son obras que deixan espazos abertos para a imaxinación e que quizais todos xuntos escribirían unha epopeia da condición humana e dos seus avatares, a miúdo dramáticos, como estes que deixa entrever na mostra actual. Unha clara concencia do pathos humano e da eterna loita que constitue a vida queda patente  no seu quefacer, ao mesmo tempo que o iluminan lóstregos de misterio e de interrogantes sobrecolledoras que quedan aí escintilando abeiradas dos insalvables horizontes que o noso coñecemento humano, suxeito nos seus límites, non pode traspasar.
 É destes límites do tempo humano dos que fala a exposición e que quedan expresados no cadro “Antropoceno”, hierático esquema dun busto humano que encerra en sí milleiros de retazos ou anacos de memoria evolutiva, él simboliza a era do home, na que aínda estamos. Enfronte del está o espazo infinito, o xiro eterno, a espiral imparable que tantas veces expresou na súa obra por medio de xiróvagas buxainas e de vertixes imparabeis e que aquí ven representado por catro grandes cadros de materia escura, na que danzan entrelazos luminosos, como os da bandA de Moebius e que titula “Infinita-mente”; xoga aquí coa idea do xiro sen principio nen fin, pero tamén co da mente humana capaz de concebir tan estranos misterios e tamén de medrar con eles. 
Non podía faltar o mito da cova platónica,  que se pode ler no cadro “A caverna” que tamén trae evocacións de líticos antropoides da prehistoria. “Spectrum” insiste nesta idea de realidade proxectada en sombras. Igualmente, “ Percepción” mostra unha móvil páxina ou pano branco sobre o que se van inscribindo signos fuxidíos e indescifrables. Non podía falta a esta dramática danza do ser o mito de “Prometeo”, o compasivo deus que roubou o fogo para nós, don ígneo que  él pinta como expansiva chama . Dese don solar falan tamén  as catedralíceas fiormas de “Opera ignis”. 
O desorden inherente a todo cosmos aparece nas fragmentadas figuras de “Entropía” e o horror das forzas escuras en “Fukushima”..A arela de facer do peito un corazón que acolla ao cerebro, como en “Oquedades”; a súplica das mans  que se abren orantes  no cadro” Na nudez” ;e, en conxunto,  a eterna antítese luz-sombras, a tensión  de seres atrapados no tempo e a necesidade ontolóxica de comprender por qué o “Ser-é” late nesta obra, na que Costa da proba, outra vez, de ser un creador xenial.

“Dentro do tempo”, de Alfonso Costa