A DERIVA AUTORITARIA DE RAJOY

Na España desta fin do 2013, a seguranza cidadá na rúa, que constituiu un problema de discreto nível de preocupación social hai uns vinte anos, non lle preocupa xa á cidadanía, agás manifestacións delictivas concretas como os roubos nas casas habitadas ou determinados secuestros “express”. Porén, o Goberno do Estado, consciente da súa total falla de creto e de “auctoritas”, vai tipificar a xeito de infraccións administrativas moi graves condutas perfectamente comprensíbeis nunha sociedade democrática avanzada, moito máis cando son os Gobernos e institucións os responsábeis do malestar social, do recurte dos servizos públicos e do empobrecemento colectivo.
A xogada está maquiavélicamente estudada, pois sanciona as infraccións administrativas graves da seguranza cidadá con multas de 1.001 a 30.000 euros e as moi graves con multas de 30.001 a 600.000 euros. E estas infraccións serán obxecto de denuncia policial dotada de presunción de veracidade a respecto das condutas denunciadas. Malia confíarmos na profesionalidade democrática dunha ampla maioría dos policías, a centralización das competencias (agás Catalunya e Euskadi) no Ministerio do Interior determinará que só os máis submisos ás autoridades políticas serán promovidos a cargos policiais, vencellándose a emisión de denuncias áo devengo dos complementos salariais de produtividade.
Esta centralización das competencias en Madrid determinará tamén que sexan os órganos centrais do ministerio os que impoñan as sancións máis graves, o que obrigará á cidadanía galega a recorrer perante os tribunais da Audiencia Nacional, que constitúe auténtica excepción ao principio constitucional de que nos xulguen os xuices ordinarios legalmente predeterminados.
Alén diso, a interposición de recursos contencioso-administrativos contra as sancións administrativas do Ministerio do Interior obrigará aos recorrentes a aboar elevadas taxas e ao pagamento das custas procesuais no caso de perder o recurso, o que vai ocorrer moitas veces pola complexidade, para os avogados da defensa, de propór proba a xeito para destruir a presunción de veracidade das denuncias policiais. Semella propio da Rusia de Putin. Pero vai ocorrer aquí.

A DERIVA AUTORITARIA DE RAJOY

Te puede interesar