O demo asubiador

Achegada dun novo ano traerá a puntual visita do Demo Asubiador, trasno galego onde os haxa coa súa especial capacidade para enredar. Máxima figura do noso sistema mitolóxico que as lendas de tradición oral sitúan no tempo que arrodea ao solsticio de inverno; e, máis certeiramente, á entrada do Aninovo. É metáfora da luz e do lume que se precisa para axudar ao Sol no empeño en deixar atrás ao tempo dominado pola noite. Días que irán medrando, pouco a pouco, ata acadar, seis meses máis tarde no solsticio de verán, o máximo dominio da claridade. 
Este Demo Asubiador, e con el outros trasnos propios do país, está inxustamente tratado pola memoria popular invadida por outras figuras propia do Nadal ou do ciclo da invernía, chámense Papá Noel, Pai Natal, Santa Klaus ou San Nicolás, a súa versión cristiá. 
É o efecto da globalización televisiva ao servizo do interese comercial que busca figuras identificables cun avó bonachón presto a traer agasallos para nenas e nenos en premio polo seu bo comportamento. O último xa non é condición fundamental, a cuestión é vender produto. 
Aquí o básico é a emotividade pola que pais, parentela e amigos son chamados a cubrir esa función de agasallar que se supón é obra dos devanditos persoeiros máxicos. Apalpador do Caurel e Pandigueiro de Trives, bondadosos carboeiros preocupados pola saúde dos cativos que visitan na Noiteboa para ver se están ben alimentados e agasallar con castañas, aínda están a salvo do mercado voraz que internacionaliza figuras alleas á nosa tradición secular. 
Á vista da situación política e dos enredos asociados a ela que transcenden a diario na información xornalística, semella que o Demo Asubiador mudou a súa labor tradicional de amolar na vida cotiá das casas visitadas por unha función superior de trasnada. Só así pode entenderse o especial xogo de espellos trucados no que están a producirse manifestacións e opinión que semellan parte dunha obsesión enfermiza dos seus protagonistas por ocupar espazos de opinión pública no canto de contribuír á causa colectiva do interese estratéxico da súa alternativa política. Porén non todo é o que semella ser. Aquí hai de todo, abofé que si. 
Está en xogo quen ha de gobernar nos próximos anos e todo vale nas tácticas para coller forza. Aínda así, é recomendábel facer caso ao proverbio que aconsella “ser dono do silencio e non escravo das súas palabras”.  

O demo asubiador

Te puede interesar