A QUEN BENEFICIA A RECENTRALIZACIÓN?

Ninguén pode xa dubidar da axenda recentralizadora do PP. Velaí a reforma local, que fanará a autonomía local e potenciará as deputacións, a aprobación da Lei educativa –Lomce–, coa imposición do castelán como lingua vehicular e as súas reválidas de Estado que descoñecen as competencias educativas de Galicia ou o tentamento de blindaxe das touradas ao consideralas patrimonio cultural inmaterial. Pasando pola imposición ás comunidades autónomas do copago das menciñas, descoñecendo a autonomía de cadanseu servizo sanitario ou da proposta Sáenz de Santamaría de supresión de controis externos como o do Valedor do Pobo ou do Consello de Contas.
Qui prodest? A quen beneficia esta recentralización, que leva vinte anos baleirando de contido do Estatuto de Autonomía e, xa que logo, modificando indirectamente o pacto constitucional que recoñeceu a personalidade nacional de Galicia? A resposta apunta aos intereses que tentan esfarelar o Estado do Benestar. Porque a ofensiva contra a autonomía política de Galicia e a autonomía local dos seus concellos busca  reducir os níveis de cobertura e calidade dos servizos sociais, educativos e sanitarios para ir recentralizando a súa prestación, unificando por abaixo a súa calidade e privatizando a súa xestión dende Madrid, de xeito que só grandes empresas españolas de amigos do poder estatal poidan optar á coxestión destes servizos. Velaí como a recentralización persegue a desmontaxe do Estado do Benestar, ademáis da redución dos níveis democráticos, ao afastar o Poder da cidadanía e suprimir os controis exteriores á gobernanza.
Tamén latexa tras desta recentralización a obsesión por cocentrar en Madrid o poder financiero e empresarial do Estado, patente na andaina de levar o AVE a todas as capitais “de provincia” ou de construir un inviábel “aeroporto central” que agora peta despois de consumir 6000 M€. A obsesión de potenciar as grandes empresas dos sectores regulados e do Ibex impedindo calquera política efectiva de Galicia, por exemplo, para potenciar o seu desenvolvemento empresarial endóxeno.
A quen beneficia a recentralización? Non de certo á cidadanía galega, nin aos empresarios e traballadores deste país.

A QUEN BENEFICIA A RECENTRALIZACIÓN?

Te puede interesar