CARMEN, CARMEN

|

Non teño o gusto nin o pracer de coñecer persoalmente a Carmen Iglesias, como tampouco coñezo a ningún dos deputados que asisten ao Parlamento galego, pero o caso desta muller, posible futura substituta no pazo do Hórreo merece unha reflexión polo seu valor e ousadía de enfrontarse ao sistema establecido polos partidos para decidir quen vai ou quen queda na casa. Así que non renuncies.
O conglomerado de AGE ten que manter un equilibrio entre nacionalistas e internacionalistas, polo menos iso é o que din eles, pero xa o debían de ter pensado cando se presentaron ás eleccións e non agora, no momento en que un deputado da beira autóctona quere marchar e a súa renuncia da paso a unha parlamentaria da banda madrileña, o cal parece ser que crea un desequilibrio ideolóxico no caldo de partidos que é a coalición de Alternativa.
Gústame que Carmen Iglesias, de EU, non desexe ceder o seu posto á seguinte na lista ourensá de AGE, que é de Anova. Non vexo motivo polo que teñen que obrigala a renunciar ou, como din desde a dirección da súa formación, a reconsiderar a súa postura. É unha muller tan válida como calquera outra para defender os intereses que teña na súa ideoloxía, independentemente de que cante A Internacional ou Rumores dos pinos, a fin de contas todo é música dirixida por Beiras, auténtico líder espiritual da coalición.
Descoñezo a traxectoria política desta muller que foi quen de pór en cuestión o sistema de alianzas electorais, pero ten o seu mérito, ademais posúe as ideas claras e determinación, algo que nos partidos non é habitual. Supoño que o feito de desenvolver a súa carreira política en Ourense non militando no PP é como ser un veterano de Stalingrado, así que para ela esta loita será menor, un asalto fácil de gañar á dirección de EU e a súa, a túa, vitoria verase e oirase desde a tribuna de oradores no Parlamento.
Se este conflito sucedese nun partido que goberna, a solución era clara e rápida, cunha dirección xeral ou un nomeamento nun lugar perdido da administración autonómica se solucionaba, pero tratándose de grupos sen mando nin alcaldías a loita é aberta. Quero pensar que Carmen Iglesias non se conformaría cun posto calquera, chegado o caso. E unha vez vista parece unha muller que pode dar moito xogo no Parlamento, que contribuirá á súa animación, toda vez que esta lexislatura non é tan aburrida como as outras.
Así que non renuncies, que xa demostraches que vales e que non es un cromo intercambiable no xogo de alianzas difíciles de entender e dou por seguro de que serás unha gran parlamentaria.

CARMEN, CARMEN